BIOGRAFÍA: Xornaleiro das letras, camarada do Che

Neira Vilas marchou sen marchar de Galicia en 1949. Estivo en Arxentina, onde coñeceu a súa inseparable Anisia Miranda, ata que en 1961, atraído pola revolución, se foi para Cuba. Alí viviu ata 1992, cando, xa xubilado, decide voltar para o seu Gres natal
Neira Vilas, unha vida en imaxes
photo_camera Neira Vilas, unha vida en imaxes

Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) é o escritor máis ilustre do concello de Vila de Cruces e tamén o pai de Balbino, ese neno labrego co que se identificaron tantos e tantos galegos.

Desde Gres partiu en 1949 a Arxentina, onde mantivo os seus vínculos con Galicia a través dos centros da emigración. Logo marchou a Cuba, onde viviu 31 anos, antes de regresar en 1992, xa xubilado, a súa terra, para seguir coa súa prolífica actividade cultura da man da fundación que leva o seu nome.

Dicía hai apenas dous anos que era "o profundo amor" pola súa terra o que mantiña activo a este "xornaleiro das letras", que chegou a ser camarada do comandante Ernesto Guevara, o Che, como recollía nunha das súas derradeiras obras, Días de Cuba, publicada o ano pasado.

E é que o autor de Memorias dun neno labrego (1961), que se mantén como o libro escrito en lingua galega máis vendido da historia, escribiu ata o derradeiro momento, malia que confesaba que o que máis tempo lle levaba era compaxinar a escrita coa asistencia aos actos a que o convidan e a súa tarefa na fundación á que dá nome.

FIDEL, O CHE, MARTÍ. En tres décadas na illa caribeña foi reporteiro, dirixente sindical, activista cultural, pedagogo... Todas foron ocupacións dun home sabio que, fiel a un consello do seu amigo Eduardo Blanco Amor, decidiu non profesionalizar o seu oficio para poder escribir á súa maneira, e isto a pesar de ter a oportunidade de se empregar en calquera dos catro xornais, cinco revistas, tres e misoras de radio, dúas canles de televisión e na editorial nacional cubana, medios que se puxeron á súa disposición.

Relacionouse Neira Vilas alí, na súa "patria paralela", con "tres personalidades" de grande importancia: José Martí, Fidel Castro e o Che, co que mantiña un contacto máis próximo.

Contaba Neira Vilas unha anécdota clave: unha muller alxerina preguntou a Ernesto Guevara se, por acaso, serían familia tendo en conta que ambos compartían o apelido Guevara, unha consulta á que el respondeu que se ela era capaz de sentir na súa fazula a labazada inxusta que lle dan a outra persoa no outro lado do mundo, entón si, "somos da familia".

A INSEPARABLE ANISIA. En Cuba aterrou Neira Vilas atraído pola Revolución en 1961, ano no que se publicou por primeira vez, aínda que en Arxentina, Memorias dun neno labrego.

De alí regresou 31 anos despois con Anisia Miranda, a galego-cubana, tamén escritora, que se converteu na súa inseparable compañeira. 

Anisia, filla de emigrantes ourensáns, coñeceu a Neira Vilas estando en Bos Aires. Con el casaría en 1957. Traduciu ao galego poemas de autores latinoamericanos como José Martí e Rubén Darío, así como do norteamericano Walt Whitman e traballou man a man con Alejo Carpentier. Falecida o 22 de outubro de 2009, en Gres, a Neira Vilas fóiselle parte esencial da súa vida.

A OBRA. Nesa vida, o escritor de Gres publicou obras que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas Xente no rodicio (1965) ou Aqueles anos de Moncho (1977), os libros infantís Cartas a Lelo (1971) ou O cabaliño de buxo (1971), e os poemarios Dende lonxe ou Poesía recadada.

Era membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces, onde residiu ata a morte.

Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) ou o Premio da Crítica Galega (ensaio).

Comentarios