"As bases coas que te educan de pequeno teñen moita repercusión na idade adulta"

"Con seis anos xa din: ‘Como pos a teu pai facendo a comida se quen cociña é a mamá’"

Almudena Poza, Premio Ernestina Otero 2015 premio ernestina otero 2015 ► A idade infantil é unha época moi importante para fomentar a igualdade de sexos. É básico inculcar o xogo sen distinción entre bonecos para nenos e para nenas. Esta moza de Pontevedra fixo un traballo con escolares de tres e seis anos para coñecer como a sociedade pode manipulados a idades tan temperás e dá algunhas claves para tentar evitalo
Almudena Poza, gañadora do premio Ernestina Otero
photo_camera Almudena Poza, gañadora do premio Ernestina Otero

Almudena Poza ten 23 anos e está a estudar un Máster en Linguaxe e Comunicación e as súas Patoloxías na Universidade de Salamanca. Presentouse aos premios Ernestina Otero 2015 animada pola súa titora da Universidade de Vigo, Azucena Arias, e resultou gañadora do galardón, que se entregará o vindeiro 2 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Luz. O seu traballo reflexiona sobre como as nenas e os nenos de tres e seis anos interpretan a igualdade de sexos e sobre as actividades que se poden poñer en práctica para fomentar a paridade.


En que consiste o traballo que presentou aos premios Ernestina Otero.

Por un lado traballamos a aprendizaxe cooperativa, para fomentar a igualdade entre os sexos na escola infantil. Desenvolvino no meu período de prácticas no Colexio Sagrado Corazón de Pontevedra con nenos de tres e seis anos. Trataba de concienciar aos nenos sobre a importancia da igualdade e paliar os estereotipos e os roles da sociedade. Había moitísima diferencia entre os nenos de tres e seis anos con respecto ao traballo doméstico ou os xoguetes. Co traballo cooperativo faciamos máis participación que no resto das clases. Traballamos os xoguetes e cores, para saber primeiro a concepción que tiñan eles e despois desmontar os estereotipos.


En idades tan curtas, existen moitas diferenzas a nivel igualdade?

Nós comezamos cos temas que vimos que ían saíndo na clase. En tres anos, por exemplo, no traballo doméstico non daban importancia a quen desenvolvía a tarefa. Para facer a compra ou cociñar tanto poñían ao pai como á nai. Imaxino que tamén inflúe a unidade familiar, pero en seis anos xa había comentarios do tipo "como pos a teu pai facendo a comida se quen cociña son as mamás?". En simplemente tres anos, apréciase moita diferenza social. Tamén ocorre co tema das cores, que xurdiron moitas diferenzas. En seis anos recriminaban se un neno escollía, por exemplo, a cor rosa. "Como che pode gustar a cor rosa se é de nenas?", dicíanlle. En tres anos non vías esas apreciacións de cores, están pouco influenciados, pero en seis anos, só dous cursos por enriba, si que se apreciaban moitas diverxencias en cores e en xoguetes.

"Primeiro tanteámolos e despois tratabamos na asemblea por que un neno collía un camión e unha nena unha boneca"


Durante canto tempo estivo traballando coas nenas e nenos?

O traballo foi longo, desenvolvido con moitas actividades, pero o que eu puiden desenvolver no centro foi relativamente pouco tempo. Penso que se debería facer un estudo moito más amplo. Foi no período de prácticas de novembro a marzo. As mestras tiñan a súa programación, por iso eu non podía traballar todos os días da semana. Facía especificamente este estudo un día á semana con nenos de tres anos e outro cos de seis. Non foi tanto tempo como eu quixera.


Por que escolleu este tema para o seu traballo fin de grao?

Tiven a sorte de ter de titora dende primeiro de carreira a Azucena Arias e afondei nestes temas en moitas das tarefas que fixen durante o grao. O traballo e os equipos colaborativos foron todo un descubrimento, foi unha metodoloxía que descubrín con ela e gustoume moito. Decidín traballalo porque ao empezar as prácticas eu levaba esa idea, falada previamente coa miña titora, pero antes do comezo falei coas titoras das nenas e os nenos sobre se notaban diferencias entre eles na forma de xogar. E dixéronme que si. E entón empezamos a traballar polos xoguetes, porque as rapazas adoitaban ir polos enredos á cociña e eles polos camións. E as titoras tamén mo demandaron. Entón xuntei aprendizaxe colaborativa e igualdade.


  "Hai estudos recentes que conclúen que houbo un retroceso no pensamento adolescente"


Cando vían que os nenos ían aos camións e as nenas ás bonecas, facían algo para que cambiaran de idea?

Diso se trataban as actividades. Nun primeiro momento tanteabamos que collían e despois tratabamos na asemblea por que un neno collía un camión e por que unha nena collía unha boneca. Parece que non é posible con nenos de tres anos, pero todos razoaban cando lles preguntabas "Por que unha nena non pode xogar un camión? Si que pode, dicían. E por que é un xoguete de nenos?" Pouquiño a pouco e con moitas actividades que elaboraban eles: asemblea, debuxos, xogos en equipo, dar opinións mediante estratexias cooperativas, como a tea de araña, que non son moi coñecidas pero valen moito a pena e sácaselle moito rendemento, ían entendendo. Despois de cada sesión facíase unha valoración da mesma e das aprendizaxes e ao remate de todas as sesións fixen un pequeno libro-traballo con eles para saber se cambiaran as súas concepcións.


E cambiaron?

Si, na medida en que eu puiden intervir, que foi pouquiño. Foi moi pouco tempo, pero as titoras dixeron que non lles importaría que isto se fixera ao longo de todo o curso, que se implementara como unha especie de programación. Ao fin e ao cabo pódese traballar con calquera cousa. No Nadal, cando se fala dos xoguetes, pódese incluír o fomento da igualdade, e cando se explican as cores tamén se pode facer. Elas tampouco dispoñían de moito tempo para deixarme e xa fixeron moito máis do que eu esperaba. Cedéronme moitas horas.


Esperaba recibir o premio Ernestina Otero por este traballo?

Tiña moita ilusión, pero pensei que habería moitos outros traballos. Sabía que traballara moito, e que tentara facelo ben, coa axuda da miña titora. As dúas quedamos moi contentas co traballo, pero non me esperaba. Foi unha ilusión enorme.

Comentarios