Walt Disney traballando nun circo

Aforro e animais son dúas cousas que non se encontran no Cirque du Soleil. Nin moito do espírito do vello circo e non se pode dicir que sexa para mal

Meu pai estaba a favor do aforro e en contra do circo. Non eran as súas únicas manías. Tiña un catálogo completo ata o punto de que máis que estudar EXB, pasei a infancia memorizando os seus hábitos como un opositor memoriza a constitución española: sabendo que todo é inútil e que algún día haberá que cambiala. A favor do aforro e en contra do circo. Había unha conexión entre as dúas cousas porque os circos pasaban por Ourense e nós nunca. Meu pai dicía unha e outra vez diante dos carteis con tigres brancos, focas negras e pallasos moi maquillados: circos, visto un, vistos todos. A sentenza era francamente lóxica no seu caso. Pero eu non fora nunca a un circo.

Os anos pasan e o circo cambiou moito máis do que din que cambiou Galicia. Desapareceron as feras, foron desaparecendo as carpas, incluso desapareceron os solares baleiros do centro das cidades nos que se instalaba o circo. Tiveron que emigrar ao extrarradio e isto, en calquera cidade, é síntoma de fracaso agás para os centros comerciais. O circo perdeu o carácter sentimental e os seus artistas foron buscando abeiro nos teatros, nas casas de cultura ou na animación de rúa con gorra, e tiveron que ir afacéndose ao que os novos espazos requirían. Unha pista pide espectáculo e un teatro pide argumentos. Así que por unha banda os circos que quedaron tiñan que facerse máis espectaculares (aínda que non o sexan) e os artistas de circo buscaron historias nas que ir encadrando os malabares, as acrobacias, os trapecios. Sen cortarse: desde a comedia ata a danza contemporánea. Polo medio da historia naceu o Cirque du Soleil como nacen todas esas cousas que teñen un resto do hippismo. Naceu quizais para rescatar os valores sentimentais do circo, esa idea destinada a que os rapaces pensen que as pistas con osos son un territorio mítico, de fantasía. Os mesmos rapaces que poden matar 100 osos por hora non ben poñen Far cry 4 na consola.

Non é cousa do circo, pero a sentimentalidade cambiou moito máis do que din que cambiou Galicia nos últimos. En consecuencia, o circo converteuse nun espectáculo cada vez máis familiar e a onde cada vez os pais levan nenos máis cativos. Porque a fantasía dos que van no camiño da adolescencia xa non xoga con animais, nin con acróbatas chineses. Digamos que antes de antes o circo estimulaba certa ilusión de exotismo, de cousas inusuais, algo que era case o contrario ao de todos os días. Pero o que é de a diario agora está marcado pola televisión. Por exemplo: se alguén mira con frecuencia a segunda cadea de TVE coñecerá moito mellor o Serengeti que a Terra Chá. A non ser que sexa chareigo e aínda así. As feras son como de andar por casa.

Tamén cambiou moito o asombro diante das cousas difíciles. Facer malabares ou tragar sables era un asunto que parecía imposible. O territorio dos imposibles están agora noutro lado. Na supervivencia tamén.

O Nadal converteuse nun tempo circense. Chegan a Galicia eses circos que son un pouco de circo de fondo, un musical non sempre disimulado, moitos efectos visuais e toda unha maquinaria escénica que tenta facer máis grande o espectáculo mentres empequenece aos artistas. Son circos para toda a familia, porque a familia é o gran mercado para os espectáculos grandes. Están baseados nunha idea da fantasía que consiste en sorprender ao público aínda que saiba exactamente que vai ver. Parece un costume que o Circo do Sol chegue a Galicia no tempo do turrón. É un circo familiar nunha época de consumo familiar. Son contas que cadran. É un circo colorido, con elencos inmensos e con un operativo que igual valía para unha superbanda de rock, desas que tamén chama cada vez máis por levar público familiar aos seus concertos: varias xeracións e todo iso. É un circo baseado na precisión ximnástica dos números, na sucesión continuada de acrobacias e en darlle ao espectador todo a un tamaño que xustifique a inversión. A precisión con que traballan pode chegar a resultar asombrosa, pero queda algo no empaquetado que quizais non empate de todo co espírito, ni co navideño nin co do circo.

Se Walt Disney ou o seus herdeiros fixeran circo, farían o Circo do Sol. Todo medido, todo correcto. Todo animado na súa xusta medida. Creo que o mundo do entretemento aínda non calculou canto ten influído Walt Disney sobre os públicos e sobre os xéneros. Foi Disney quen inventou este concepto do público familiar e tamén foi quen lle deu dimensión moral. Estableceu que procedía e que non para ese público. Todo atado moi curto. Tamén parece que Disney inventara o Nadal como inventou un xénero de películas propias das dúas semanas estas. Digamos que inventou un sector de público e aí está todo o mundo competindo por meterse nel. Desde U2 ao Circo de Nadal.

Meu pai estaba a favor do aforro e en contra do circo. E cando miro a cartelería e as billeteiras do Cirque du Soleil arrepíntome algo de terlle reprochado esa manía.

Comentarios