Beizón

Abordo nesta columna un tema persoal, sen que serva de precedente, porque dalgunha maneira debo manifestar o meu agradecemento a tantos amigos e amigas que acudiron, ou mandaron a suá adhesión, ao acto delebrado na Insua dos Poetas; á Iª Festa da Palabra. Dicía o admirado Eduardo Blanco-Amor, alá polos setenta do pasado século, ''andiven errante case tres anos antes de intentar a perigosa aventura de vivir nun pobo''.

E non é que eu pretenda baixar a categoría da capital de Galicia onde escribo -á que outro egrexio, Ramón Otero Pedrayo, definíu como ''a aldea máis grande de Europa''- senón que só intento distinguir entre o lugar de residencia habitual, o meu pobo, Santiago, e a aldea, Guimarás ( O Irixo). A cidade, resérvoa para o meu Buenos Aires natal.

Desde Compostela - pobo, nunca vila- e por este medio dígolles, pois, aos que acudiron desde Ourense, Vigo, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Ferrol... desde Galicia enteira, incluído Buenos Aires, que este nomeamento significa para min a cidadanía pendente, a máis desexada; a galega.

Aproveito para agradecer, moi especialmente, a Antón Lamazares, Nélida Piñón e Manuel Rivas o seu chamamento a prol da Insua dos Poetas. Gracias, non grazas, a Xesús Alonso Montero, X.L. Méndez Ferrín, Salvador García-Bodaño, Miro Villar, Victor Campio Pereira, Gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Ramón Villares, Xosé Luis Baltar ( só por nomear aos oradores) e aos que se achegaron até a patria que me adoptou. Un locus amenus.

En canto aos que non me queren ben, que se estean por aí, chamareinos cando me cumpra -esta frase tan nosa encántalle a Bieito Ledo-. Polo de agora abóndanme os amigos. Teño a gala a miña veciñanza compostelá, endexamais renunciei a ser porteño de Palermo, pero a cidadanía, na altura dos cincuenta e moitos anos, débolla ao Irixo. ¡Terra a Nosa!

Comentarios