"Xa pensando en París"

O filme sobre o artista de Castroverde Baldo Pestana chega a Bos Aires o día 30

A proxección do documental ‘A imaxe reb/velada‘ estará apoiada por María Esther Vázquez, secretaria durante 30 anos de Jorge Luis Borges. A familia de Pestana e a produtora Miramemira queren levar o filme a todas as "cidades de Baldo": Lima, Lugo, Bos Aires e París

O documental A imaxe reb/velada, que segue a traxectoria do fotógrafo e pintor de Castroverde Baldomero Pestana, será proxectado o 30 de abril en Bos Aires, nunha programación cultural paralela á Feria del Libro da capital arxentina, na que a cidade galega de Santiago será protagonista.

Carmen Rico Coira, sobriña política de Baldo Pestana, informou este domingo de que a estrea do filme na capital porteña contará co apoio da escritora e xornalista arxentina de orixe galega María Esther Vázquez, "histórica amiga de Baldo e da súa familia" e tamén, durante trinta anos, secretaria e amiga do escritor Jorge Luis Borges. "Escribiu unha moi boa biografía del e acompañouno nas súas viaxes polo mundo, tamén a Galicia", sinala Rico Coira.

Na actualidade, María Esther Vázquez é a presidenta da fundación Victoria Ocampo, amais de ser "unha muller especial que formou parte do universo de Borges e tamen do do noso Baldo", di a sobriña do artista de Castroverde.

Asemade, participará na proxección a directora de ‘A imaxe reb/velada’, a realizadora galega Andrea Vázquez, que xunto con Damián Varela, o director de fotografía deste documental, son os responsables da produtora galega  Miramemira que se encargou de seguir a fascinante biografía do artista de Castroverde.

Baldomero Pestana naceu no lugar de Pozos en 1918 e emigrou en 1923 a Arxentina, onde se formou como fotógrafo. Desprazouse despois a Perú, onde traballou para prestixiosas publicacións internacionais e comezou a súa serie de retratos de escritores e artistas do chamado Boom Latinoamericano que continuaría desde 1968 en París. En 2008, viúvo da súa esposa Velia Martínez, púxose en contacto co seu parente máis próximo en Castroverde, Toño Polín, e residiu con el e coa súa esposa, Carmen Rico Coira, ata o seu pasamento en agosto de 2015.

Explica Carmen Rico que o propósito de levar o documental ata Bos Aires responde á necesidade de esparexer a memoria de Pestana. "‘A imaxe reb/velada’ segue o camiño, que comenzamos en Lima aos poucos días da súa partida. A nosa intención foi —é— amosalo polo menos nas principais cidades da vida de Baldo: París, Lima, Bos Aires e Lugo, onde se proxectou o pasado 28 de decembro, no seu aniversario".

Comentarios