Os rapaces da Fonsagrada crean dous vídeos musicais contra o tabaquismo

Alumnos do IES Fontem Albei participan no programa 'Clases sen fume', que pretende concienciar sobre os prexuízos de fumar

Os alumnos de 1º e 2º de Eso do IES Fontem Albei, da Fonsagrada, comprometéronse hai seis meses a non fumar e pretenden arrastrar nesta aventura a máis persoas. Pensaron que a música sería unha boa vía para difundir a súa mensaxe e elaboraron dous vídeos, con letras propias e ambientados na súa localidade. Con eles chaman a atención sobre os prexuízos do tabaco e ofrecen apoio e estratexias a quen queira deixalo.

Esta actividade forma parte do programa ‘Clases sen fume’, que promove a Consellería de Sanidade en colaboración coa de Educación. O IES Fontem Albei leva desde o curso 97-98 participando. Este ano, os estudantes están tamén inmersos no Plan Proxecta, de innovación educativa, polo cal o uso da tecnoloxía audiovisual lles resultou beneficioso por dobre vertente.

Os rapaces escolleron as músicas que querían utilizar e escribiron letras axeitadas para elas. Os de 1º curso, coordinados pola profesora María José Pérez, elixiron un tema de Justin Bieber, e os de 2º, da man de Gloria Fernández e Marta Varela, optaron por un rap. Estes últimos deron un paso máis. Tendo en conta que o IES da Fonsagrada é plurilingüe, escribiron unha estrofa en galego, outra en castelán, outra en inglés, unha máis en francés e a última con versos nos catro idiomas.

Deste xeito, o traballo implicaba a máis mestres, gañaba presencia no centro e tiña máis posibilidades de introducir a máis persoas na dinámica de loita contra o tabaco.

Os vídeos foron gravados en localizacións da Fonsagrada, para chamar a atención dos veciños e mostrar a súa vila a todo o mundo, e a montaxe foi feita polos estudantes, implicados ao cen por cen no proxecto.

E non é para menos. O día 5 de novembro comprometéronse a non fumar en seis meses, concretamente, ata mañá. Hoxe serán sometidos a unha proba para controlar o nivel de monóxido de carbono en aire espirado. Ese será o exame que indicará se superan o reto físico.

A coordinadora do proxecto, Gloria Fernández, non o dubida. confía no compromiso de todos os participantes e cre que ningún fumou nese tempo. Tamén espera bos resultados educativos desta experiencia. «O obxectivo é que non entren no mundo do tabaco e, se algún o fai no futuro, que sexa con coñecemento e consciencia das consecuencias», afirma.

Os estudantes colaboran tamén na iniciativa ‘Fogares sen fume’, que pretende disuadir os pais para que deixen o tabaco ou, polo menos, que non fumen na casa. E xa tiveron resultados. «Outros anos houbo pais que lograron deixar de fumar con axuda dos fillos e ata profesores que tamén asumiron o reto», conta Gloria Fernández.

Comentarios