O camiño do home

Os críticos normalmente somos moi malos para recomendar libros. Dirán vostedes que dende logo, vaia cousas...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS CRÍTICOS normalmente somos moi malos para recomendar libros. Dirán vostedes que dende logo, vaia cousas. A realidade é que nos dedicamos a analizar e iso crea defectos profesionais que non son moi compatíbeis cos gustos do lector de a pé. Todas as profesións teñen os seus paradoxos.

Eu non son unha excepción e case que sempre fracaso nos consellos lectores, pero tamén teño os meus comodíns. E cando unha persoa me pide un libro sobre as bases da nosa cultura —historia, filosofía, política— sempre lle recomendo La tradición intelectual de Occidente: De Leonardo a Hegel de Jacob Bronowski e Bruce Mazlish. Hai moito que se traduciu ao español e non moi ben, polo que mellor o orixinal inglés. Curto, entretido, completo... Marabilloso, nunha palabra.

Un non podía agardar outra cousa de Jacob Bronowski, o divulgador precursor —nada menos— de Carl Sagan. Nado en Polonia en 1908, pertenceu á mesma xeración de científicos xeniais ca Leo Szilard, Stanislaw Ulam ou Enrico Fermi. Tivo que deixar o Vello Continente pola persecución dos nazis e participou do máis grande proxecto colectivo do século pasado: o descubrimento da enerxía atómica e a súa nefanda conversión na arma máis terríbel usada endexamais polos seres humanos, a bomba de Hiroshima. Horrorizado polo produto do seu saber, encamiñou os seus pasos ás ciencias da vida e chegou aos setenta convertido nun verdadeiro sabio quen de tender pontes entre a ciencia e as humanidades.

ilustración traballadoresPor iso a BBC recorreu a el para presentar El ascenso del hombre, serie documental sobre a chegada do ser humano ao seu estado actual —teoricamente bo—. Son trece documentais que, por desgraza, a penas se poden atopar hoxe en día, mesmo recorrendo a certa coñecida plataforma de vídeo en rede. Por sorte, ademais dos episodios para televisión, publicouse a transcrición completa do guión baixo o mesmo título e agora chega ás librarías españolas da man de Capitán Swing.

Bronowski podería ter sido tan coñecido e recoñecido como o citado Sagan, pero tivo a desgraza de falecer repentinamente pouco despois da gravación da serie, o que impediu proxectos futuros que probabelmente terían colleitado un éxito similar. A razón é ben sinxela: o intelectual polaco logra explicalo todo coa máxima sinxeleza sen caer nunca na banalidade.

Malia a personalidade do escritor e creador da serie, coñecedora dos logros da humanidade no eido da cultura, o percorrido que facemos da súa man ten moito de historia e ciencia. Ao comezar na Prehistoria os primeiros capítulos afunden as súas raíces na antropoloxía e na arqueoloxía. A partires do cuarto atopamos unha historia da ciencia condensada en non máis de 200 páxinas: a química, a matemática, a física, a evolución, a física atómica... E un epílogo no que aparecen todas as cuestións éticas sobre a relación do home co coñecemento neste camiño de aprendizaxe.

Unha particularidade que atopamos é que a obra, nin no orixinal inglés nin na tradución española, pasou por un proceso de edición a fondo. Como ben explica o autor na introdución, o programa de televisión carecía de guión: Bronowski improvisaba unha clase apoiado no entorno de gravación, formado por monumentos, paisaxes, bibliotecas e gabinetes de científicos... En ocasións resulta sorprendente o uso de deícticos —aquí, alí, este ou aquel obxecto ou espazo— que pertencen en realidade ao mundo televisivo, pero o lector adáptase axiña a esa peculiaridade e ofrece ese sacrificio á ortodoxia lectora para gañar un ritmo e unha fluidez insólitos: cando se comeza a ler é difícil parar. O talento de Bronowski é aditivo.

Está pouco de moda ser intelectual dende un punto de vista ortodoxo. Os amantes da ciencia estamos pechados na gaiola do nerdismo e os libros máis vendidos adoitan estar escritos por personaxes televisivos de dubidosa reputación. O modelo BBC morreu hai tempo pero cun chisco de esforzo podemos seguir as súas pegadas. Paga a pena, fáganme caso.

Comentarios