Blogueiros ingleses falarán da Mariña aos seus milleiros de seguidores

Realizaron da man de Turismo de Galicia a Ruta dos Faros do Norte e publicaron vídeos e fotos de todo o percorrido. Máis tarde farán artigos para os seus blogues e revistas de viaxes
Os blogueiros, persoal de Turismo de Galicia e o alcalde de Cervo (dereita), na Casa do Mudo
photo_camera Os blogueiros, persoal de Turismo de Galicia e o alcalde de Cervo (dereita), na Casa do Mudo

Tres dos mellores blogueiros de viaxes do Reino Unido coñeceron onte a costa da Mariña da man da Axencia de Turismo de Galicia, que organizou a súa visita para promocionar nese país a Ruta dos Faros do Norte e, en extensión, a comarca. Durante o traxecto os xornalistas foron publicando as súas impresións sobre a zona nos seus perfís das redes sociais, por exemplo en Twitter, onde teñen entre 17.700 e 20.200 seguidores. Cando regresen a Gran Bretaña farán traballos máis extensos nos seus blogues de turismo e viaxes e tamén en revistas especializadas do mesmo ramo.

Abigail King, Jayne Gorman e Paul Dow (TravMonkey) amosaron onte aos seus seguidores -cos que interaccionan a través do cancelo #InGalicia- fotografías e vídeos de paisaxes que os impresionaron como a praia das Catedrais, a vista dende o miradoiro de San Roque en Viveiro ou o faro de Punta Roncadoira en Xove. Tamén eloxiaron a gastronomía da zona, como o xantar que degustaron na Casa do Mudo en Cervo, onde o alcalde, Alfonso Villares, lles deu folletos promocionais.

Os blogueiros quedaron sorprendidos polas paisaxes da Mariña, segundo transmite o guía que os acompaña, Richard Rivera. "Comentan que non o esperaban, sorprendeulles moito a variedade das paisaxes, a alternancia de cantís e praias paradisíacas. A nivel estético e paisaxístico, esta costa é unha pasada", di.

O grupo estivo o sábado no Ortegal e, logo de pernoctar nunha casa rural de Ortigueira, onte comezaron a xornada cunha visita ao porto do Barqueiro e cruzaron a ría que forma o Sor para entrar xa na Mariña, onde a primeira parada foi no centro histórico de Viveiro. "Fixemos unha visita cortiña polo casco vello, vendo a porta de Carlos V e a posta en valor das antigas murallas coa ventana arqueolóxica e a recuperación do trazado, unhas iniciativas moi interesantes", comenta Rivera. Logo subiron ao monte San Roque, unha visita "que aprezaron moito, xa que lles resultou unha boa maneira de entender como é unha ría", polas vistas privilexiadas que ofrece sobre o estuario do Landro.

A seguinte parada foi o faro de Punta Roncadoira e despois foron a Cervo, onde visitaron o conxunto histórico artístico de Sargadelos e percorreron o Paseo dos Namorados. A primeira visita da tarde foi á praia das Catedrais, aproveitando a baixamar. "Era un dos poucos sitios que coñecían previamente e tiñan moitas ganas de velo. Gustoulles moito", indica Rivera, e engade que lles chamou a atención a grande afluencia de visitantes, en contraste cos lugares que viran previamente.

No mesmo concello ribadense foron o resto das visitas, en concreto ao faro de Illa Pancha, ao casco histórico da localidade e ao porto deportivo, onde cearon. A súa noite na comarca da Mariña pasárona no Parador.

Outros catro blogueiros realizaron nesta fin de semana a Ruta dos Faros do Sur, entre Fisterra e Baiona. Tanto uns como outros "son os blogueiros de máis éxito en Gran Bretaña", tanto polo número de seguidores como polos recoñecementos que obteñen, polo que dende Turismo de Galicia cren que a súa participación nesta viaxe terá efectos positivos para atraer o turista británico á comunidade.

Comentarios