O sorriso do astronauta

EXPLORADOR ►Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947; Vigo, 2016) foi un explorador, un aventureiro clásico, dos que nunca cansan de buscar mundos por descubrir. Esas viaxes servíronlle para escribir varias das novelas en galego máis lidas e traducidas. O lugar de partida era a vila natal: «Asistín á creación do mundo en Vilalba», presentábase.
Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

As noites da infancia de Agustín Fernández Paz transcorreron nunha casa de Vilalba na que se reunían os veciños para contárense historias. Os veciños falaban da vida na contorna, dos mercados e do frío invernal; pero o seu pai, que cabalgaba inesgotable de novela de aventuras en novela de aventuras, faláballe doutras terras, das que abría Marco Polo para Occidente.

Cando o mandaban deitarse, o pequeno cubríase cunha colcha ecléctica, feita con cachos doutras teas. O neno adoitaba imaxinar aqueles cadrados e rectángulos recosidos como as leiras de Siberia polo que cabalgaba Miguel Strogoff, correo do zar, ou o campo de batalla no que deixaran coxo ao soldadiño de chumbo namorado da bailarina. O seu pai e a colcha prenderon en Agustín a ilusión de coñecer outras paisaxes, fosen reais ou imaxinadas.

O seu proxenitor era carpinteiro, sabía tirar unha buxaina dun toro en cinco minutos e con catro xiros de man, pero, sobre todo, era artista. Tocaba varios instrumentos, aínda que estaba contratado pola Orquesta Mato para ocuparse da trompeta. Naqueles tempos, Pérez Prado e Xavier Cugat eran os reis do mambo.

Unha noite levou a Agustín a unha longa expedición coa súa orquestra. Ao chegar a Foz fascinoulle o olor intenso a salitre. Aquela tarde o pai levouno á praia. Agustín achegouse á beira para beber a mar coa mesma seguridade coa que formaba unha cunca coas mans e bebía o río Madalena. Logo cuspiu o desagradable líquido salgado.

Esa descuberta marcouno. Aquel neno nadaba con solvencia no río que abraza a vila. Hai catro muíños que son as balizas que identifican cada idade da infancia. Sendo neno debía bañarse no Muíño dos Novos porque soamente na adolescencia se lle permitiría mergullarse no Muíño dos Freires. Esa escala de idade fíxoo consciente de que «hai que asumir o paso do tempo para que non te venza».

Neses anos empeza a escribir. Tamén a debuxar. Fai un primeiro tebeo: ‘As minas do rei Salomón’. A única chata que se lle pode poñer ao neno é que se inspirara na película. Nese tempo, os planetas que quería explorar Agustín aparecían nunha pantalla grande. Non perdeu esa paixón polo cinema. Ao longo da vida miraba unha película diferente cada noite. «Empeza a sesión das dez», desculpábase cando alguén falaba con el por teléfono e chegaba a hora do pase en televisión.

Fernández Paz recorría continuamente a películas para argumentar. Pero tamén citaba a escritores como Paul Auster: «Necesitamos historias; non para esquecer o mundo real, senón para exercitarnos a afrontalo». O cine serviulle para definir a súa nenez en Vilalba: «A miña xeración tivo un eclipse como o de ‘2001: unha odisea no espazo».

Ese fundido a negro que era Vilalba nos anos 50 expulsouno con 13 anos á Universidade Laboral de Xixón. Como compensación ao esforzo, logrou entrar na elite dos peritos. Estaba reservada para os expedentes máis brillantes. Gustábanlle as matemáticas e máis a física, eran mundos fascinantes, insondables; pero gustoulle máis o xeito no que o padre Gorrochategui facía soar ‘O libro da selva’, de Kipling, cando o lía coa súa voz de barítono peregrinando dun extremo á outro da aula.

Agustín escribe un conto, ‘El mundo en el año 2000’, e gaña un premio con aquela visión futurista. Xa era un proxecto de escritor, aínda que non acabou por realizarse ata que un compañeiro de milicias e lecturas convenceuno.

En 1969 atopa traballo nunha industria en Barcelona. Padece un accidente nunha man do que se lle facía áspero lembrar mesmo nos últimos anos. Poida que ese golpe o fixese reaccionar e buscar a súa vocación: ser don Félix, o seu mestre querido de Vilalba.

Don Félix non soamente non pegaba aos nenos -«por costume ou por sadismo», como a maioría dos profesores-, senón que os quitaba da escola para que asistisen ao espectáculo do mundo no campo da feira.

Empeza Maxisterio na Coruña en 1971. No verán, na vila natal, atópase coa satisfacción de ensinar impartindo clases particulares. A andaina que emprendeu entón duroulle ata a xubilación, en 2007. Dende o primeiro momento, nun colexio coruñés, e despois en Vigo, enganchouse con todo colectivo que promovese avances no sistema de aprendizaxe. Por segunda vez, algo impulsouno a escribir. A falta de libros de texto e de lecturas en galego fixo que se arremangase. A normalización do galego no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura e a introdución da prensa nas aulas foron os novos campos da colcha de retallos nos que puido demostrar o heroísmo.

Paralelamente, escribía ficción. Nese eido, citaba a Rodari: «Desenvolvamos a creatividade de todos para salvar o mundo». Vai entregando novelas ao mundo e o mundo vaille devolvendo aplausos con nome de premios. Sube banzo a banzo a escaleira do éxito aupado polos lectores. Entre o medio cento de premios, cómpre citar dous: The White Ravens, por ‘Aire negro’, e o Nacional de Literatura, por ‘O único que queda é o amor’.

O título dese segundo libro procede dunha frase de Orhan Pamuk: «E cando me decato de cómo imos pasar por este mundo sen deixar pegada, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor».

Agustín Fernández Paz expresou ese amor polos demais escribindo para eles crónicas dos planetas que visitaba. Ás veces eran mundos arrepiantes e desagradables. Adentrouse nun deles a través dun anuncio de prensa moi cativo que atopou en 1970, buscando piso en Barcelona. «Se vende casa embrujada. Abstenerse graciosos y curiosos». Ese texto sorprendente e macabro inspiroulle a tenebrosa ‘Cartas de inverno’, a novela favorita dos adolescentes galegos dos últimos trinta anos. O autor marchou sabendo que á volta do verán, cando os rapaces de Vilalba se despidan do Muíño dos Novos e do Muíño dos Freires, sairá unha edición especial para celebrar que esa novela acadou 100.000 lectores en galego.

Agustín mantivo a ollada amable e compasiva que ilumina aos cosmonautas dende o seu primeiro conto de adulto, ‘Xan o astronauta’, ata unha das últimas novelas, ‘A viaxe de Gagarin’. Para explicar a súa visión tiraba de Wislawa Szymborska: «Estrano planeta, estrana xente. Son vencidos polo tempo, porque non o queren recoñecer».

Comentarios