Cunha 'fortuna' do máis particular na barra do bar

O mostrador do Cantábrico, na Fonsagrada, acumula diñeiro procedente de medio mundo ►Viaxeiros de diversos puntos do globo continúan cun ritual iniciado hai anos por un anónimo
Bolaño, propietario do restaurante Cantábrico, xunto a algúns dos billetes que adornan a súa barra
photo_camera Bolaño, propietario do restaurante Cantábrico, xunto a algúns dos billetes que adornan a súa barra

O mapa dos tesouros que agocha A Fonsagrada ten unha das súas cruces no restaurante Cantábrico. En pleno centro da vila, e con máis de 20 anos aberto ao público, este local non é só especial por utilizar produtos típicos da zona para elaborar as súas famosas comidas. Aquí, dende hai certo tempo, vénse acumulando unha fortuna moi particular.

República Dominicana, México, Venezuela, Marrocos, Líbano ou mesmo Australia e China son algúns dos países de orixe de moitos dos billetes que locen no seu mostrador. A orixe, segundo conta Bolaño, dono do Cantábrico, non aparecía escrita en ningún guión. "Todo isto comezou cun estranxeiro que tivo a ben cravar unha moeda na viga que hai sobre a barra", explica o propietario, quen di que nunca lle pediu a ninguén que deixara nada.

Sexa como fora, moitos dos visitantes que pasaron por este local decidiron continuar co xesto iniciado por este anónimo. Cerca de cen billetes e outras tantas moedas adornan agora o bar. O tránsito de forasteiros por aquí é notable, e moito máis dende a declaración como Patrimonio Mundial do Camiño Primitivo que atravesa a vila. O que resulta máis curioso é que, aínda que estean representados todos os continentes, a mairoría dos billetes procedan da América Latina. Queda patente, polo tanto, que o Cantábrico é lugar de reunión de xente de preto, de non tan preto e de moi lonxe.

ANÉCDOTAS. Esta historia está feita, como non podía ser doutra maneira, a base de historias curiosas. "Hai de todo", como di Bolaño. "Unha vez un cliente, á hora de pagar, tiña falta dunhas moedas. Entón tirou das que estaban alí para completar a conta", recorda entre risas. "Algúns estranxeiros chegan e, ao ver toda a colección, deciden facer a súa achega persoal", explica.

Nalgúns dos billetes pódense apreciar ata dedicatorias en diversos idiomas. Este mural de caras ilustres, nomes de países e cifras converteuse nunha das decoracións máis chamativas e orixinais que podería existir na barra dun bar. Un decorado que mostra a ‘riqueza’ cultural da Fonsagrada.

Comentarios