Tralas boas temperaturas que encheron as praias, anuncian cambio de tempo

Meteogalicia pronostica que este xoves será un día de transición antes da fronte fría do venres que chegará con precipitacións e ceos cubertos
Este martes a praia de Llas estivo ateigada de xente
photo_camera Este martes a praia de Llas estivo ateigada de xente

Segundo Meteogalicia, unha fronte pouco activa cruzará este mércores Galicia, rematando coa vaga de bo tempo da que disfrutara a comarca, con temperaturas de ata 29 graos o domingo. Nesta xornada espéranse os ceos cubertos e chuvias febles cun leve descenso das temperaturas.

Xoves será un día de transición, con apertura de grandes claros e ventos frouxos ao longo da xornada. Espérase que durante a madrugada do venres chegue unha nova fronte fría desde o oeste de Irlanda que traerá precipitacións pola mañá. Durante a fin de semana, os pronósticos apuntan a que a situación manteráse estable, con indicios de recuperar a influencia anticiclónica, con baixas probabilidades de precipitacións. Chegado o luns, as temperaturas máximas son susceptibles de experimentar un leve repunte.

MÁXIMAS. As temperaturas máximas dos concellos costeiros da Mariña lucense chegaron este martes ata os 22 graos, como é o caso das localidades do centro da comarca, que viron os seus areais moi concurridos. Este mércores esperábase un pequeno repunte nalgúns concellos como Foz, que chegaría ata os 25 graos de temperatura máxima.

A partir de xoves a meirande parte dos concellos costeiros rondarían os 23 ou 24 graos de máxima. O venres espéranse rexistrar temperaturas de ata 24 graos como é o caso de Viveiro e O Vicedo; de 25 graos en Ribadeo, Barreiros, Xove, Cervo e Burela; e de ata 26 graos centígrados en Foz.

Comentarios