Santa Mariña acolleu un acto reivindicativo en memoria dos ‘paseados’ da Guerra Civil española

As vítimas foron enterradas no cemiterio da parroquia, cuxa exhumación se persegue dende hai tempo
Villar Janeiro e Rábade Paredes, Valdi, Alfonso e John Thompson, a carón do fito da Santa Mariña
photo_camera Villar Janeiro e Rábade Paredes, Valdi, Alfonso e John Thompson, a carón do fito da Santa Mariña

O cemiterio da Santa Mariña ten tumbas con nome, pero tamén, dende hai 80 anos, agocha mortos sen lápida, ‘paseados’ da Guerra Civil aos que este martes, a carón do monumento que honra a estas vítimas descoñecidas, lembraron un grupo de persoas convocadas polo párroco Alfonso Blanco.

"Están con nós e merecen a nosa memoria, temos que pedir para eles a xustiza de recoñecelos e non esquecelos", afirmaba Blanco, lamentado que "a sociedade ten medo a falar, hai unha lousa de medo tremenda", polo que nin se pode precisar cantos son. Sábese que o 11 de agosto enterraron catro homes, pero en setembro e en outubro houbo máis.


"Estes tamén son os meus mortos, todos son os nosos mortos", aseguraba a escritora Helena Villar Janeiro, a quen o drama dos represaliados a pilla moi de preto


"Estes tamén son os meus mortos, todos son os nosos mortos", aseguraba a escritora Helena Villar Janeiro, a quen o drama dos represaliados a pilla moi de preto. Reclama ao seu tío avó Ovidio Villar Fernández, que cre que está en Vilarraso (Aranga) —a fosa máis grande de Galicia, na que non se sabe quen son a metade dos soterrados e que onte todos visitaron tralo acto en Guitiriz— xa que morreu xunto ao alcalde republicano de Becerreá, Rudesindo Fernández Vilor.

Ao sol da tardiña, as cruces dos nichos dos mortos con nome creaban sombras na parede da igrexa, a carón de onde se cre que están enterrados, un "préstamo" que Helena quixo inmortalizar coa súa cámara, un punto de partida "senón para un libro, polo menos si para un poema".

Falou tamén o profesor estadounidense John Thompson, defensor dunha "loita pola xustiza histórica" na que monumentos coma o de Santa Mariña —ante este unha veciña, Fátima Fernández, fixo unha ofrenda floral— son só un primeiro paso. O fin tería que ser a exhumación e a identificación, polo que Thompson criticou a falta de apoio institucional, tildando de "vergoña" que un estado se desentenda deste labor.

"Hai unha gran débeda con eles que temos que pagar", aseguraba Valdi, autor do momumento, que citou a un símbolo da loita pola memoria histórica, Darío Rivas e a busca incansable de seu pai, para avogar pola necesidade de feitos cos que se logre que as familias teñan un sitio ao que levar flores. Valdi quixo lembrar tamén o sufrimento das mulleres: "Eles son mártires, pero elas son as verdadeiras represaliadas".

Comentarios