A romaría do Bo Xantar de Viveiro brilla outro ano máis grazas ao bo tempo e ao éxito de convocatoria

A festa chega este domingo ao seu día grande coa actuación das orquestras Acordes e Suavecito ► O grupo Non cho Digo ofrecerá esta tarde un pasamesas por toda a romaría

"Soy el príncipe de Naseiro y como príncipe de Naseiro hay que venir disfrazado siempre", afirma rotundo Marcos Suárez embutido no seu vestido flamenco de cor verde. Este mozo viveirense conta que asiste ao Naseiro desde a nenez. "Mis padres hacían mesa desde pequeños y yo con un año ya estaba aquí", relata. Este domingo xa acode á romaría cos seus amigos e confesa que a súa parte favorita da celebración son as sesións vermú e as sidrarías. 

Os cinco días que dura o Naseiro, que de sempre atraeu moita mocidade, presenta unha rutina non apta para aqueles con pouca resistencia. "Logo da sesión vermú comemos ás seis da tarde, descansamos un pouco e volvemos de troula ata que o corpo aguante", resume Marcos entre risas. Cando comeza a actuación da orquestra, o campo da festa cobra vida. Familias e grupos de amigos saen das súas mesas e van bailar. Moitos deles atrévense a animar un pouco máis a xornada con aspersores de pintura de cor, pistolas de auga ou disfraces. 

É o caso do madrileño Alberto Gutiérrez, que participa na romaría desde hai cinco anos e viste un disfraz de mesa de póker. "Veraneo en San Cibrao y vengo con amigos. Este es el primero que me disfrazo en serio, otros me hacía un apaño", explica. Recoñece que o carnaval improvisado do Naseiro ofrece unha vista moi variada. "Hay caimanes, enfermeras, bomberos... hasta selección islandesa", enumera. 

Disfraces, pintura, pistolas de auga e moito alcol son algúns dos imprescindibles da mocidade para gozar e sobrevivir no Naseiro

Porén, non todos os asistentes son mozos. Higinio Falcón, presidente da asociación veciñal San Xosé, na aldea de Vilaseca, en Riotorto, acude cun grupo de 25 veciños de diversas idades. "É o primeiro ano que vimos de excursión para comer e ver o Naseiro. Chegamos xa pola mañá e imos comer aquí e pasar o día", declara Higinio, agradecido polo sol que brillou durante toda a xornada. 

PROGRAMA. O programa deste domingo empezou á unha e media da tarde cunha misa na capela do campo da festa e posterior procesión. A orquestra Acordes amenizará a sesión vermú, que se alongará ata ben entrada a tarde. Daquela será o turno do grupo Non cho Digo, que ofrecerá un pasamesas por todo o campamento. Logo disto, a música non parará no val do Naseiro e enganchará coa verbena nocturna, na que repetirá a formación Acordes acompañada da orquestra Suavecito. 

A xornada deste luns será similar mais sen oficios relixiosos. O grupo Montreal estará a cargo da sesión vermú e da verbena, cando tamén actuará a orquestra Costa Dorada. Ás sete da tarde do luns 29 será o tradicional Descenso Humorístico do río Landro, que este ano terá tempo para a solemnidade e o recordo co Memorial Pepe Timiraos, un histórico colaborador da cita finado recentemente. Por último, o martes 30 será o día de peche. O Naseiro despídese ata o próximo ano cunha sesión vermú da man das orquestras Salsarena e Españoles.

Comentarios