"O BNG só rivaliza con quen xera paro, pobreza e exclusión"

"Feijóo deixa unha Galicia máis pobre"

A de Sarria afronta unha cita crucial para o devir do Bloque apelando ao reforzamento da política, a economía e a cultura en clave social e galega, distanciándose do PP e da esquerda aliada con partidos estatais.
Ana Pontón (Sarria, 1977), na presentación do eslógan electoral do BNG.
photo_camera Ana Pontón (Sarria, 1977), na presentación do eslógan electoral do BNG.

Cal é o obxectivo do BNG?
Que a partir do 25-S poidamos abrir un tempo novo para todos os galegos onde teñamos realmente a capacidade de tomar as rendas do noso destino e poidamos deixar atrás tanto paro, tanto sufrimento e tanta política antigalega. Que poñamos en valor e apostemos por todo o potencial que hai en Galicia, que é moito, e se o facemos non só imos saír adiante, senón que temos moito que gañar.

Nacionalismo e globalización
"O nacionalismo supón a defensa dos intereses deste país pero para estar no mundo con voz propia"

Por que debería votar ao Bloque?
Porque somos un proxecto que ten a súa cabeza e corazón en Galicia, sólido, solvente, cun programa para que os galegos saiamos adiante e porque temos constatado con feitos que cando o BNG goberna, como en moitos concellos deste país, eses lugares avanzan e a cali- dade de vida da xente mellora.

As sondaxes coinciden na perda de escanos. En que debe incidir o seu partido para recuperar voto?
Se algo está devaluado nas últimas campañas eletorais son as enquisas, que son un elemento que tenta influír no voto. No BNG estamos nunha etapa nova e moitas persoas están reconectando connosco porque ven que fomos útiles durante estes trinta anos e que somos un proxecto renovado e definido que ten moito que achegar e que dicir neste momento.

Cales son os puntos febles de Feijóo, que rozaría a maioría absoluta?
Feijóo foi un xestor nefasto e un mal político. Fronte á propaganda, o que vemos foi que triplicou a débeda pública, provocou unha deterioración moi importante dos servizos públicos e os galegos seguimos tendo os salarios máis baixos a pesar de traballar máis horas. O único feito destacable foi un hospital privatizado que todo o mundo demanda o seu rescate debido á súa peor calidade asistencial. O principal punto débil de Feijóo é que deixa unha Galicia máis pobre e máis desigual, con máis emigración e máis débeda.

E os puntos fortes do BNG?
Temos un programa para pórlle solución a moitos problemas e pór en marcha medidas alternativas. Para poder simplificar isto, está a cuestión de que Galicia é excedentaria na produción de enerxía eléctrica e só o Bloque expón que ese feito reverta nunha mellora da calidade de vida e en máis oportunidades para o país. O exemplo de como é posible está en Lugo, no municipio de Muras.

Feminismo
"A igualdade é unha prioridade e sempre foron as mulleres quen tomaron a dianteira na defensa dos seus dereitos" 

Por que parece que cuestións como a xestión da sanidade non lle pasa factura a Feijóo?
A quen lle pasa factura é ás persoas que estan vendo que agora hai máis listas de espera, que teñen que pagar unhas facturas que antes non pagaban, que se privatizou unha parte moi importante da sanidade... Veremos o 25-S se a Feijóo lle pasa factura ou non.

Teñen encaixe os obxectivos nacionalistas nun mundo tendente á globalización? Ou polo menos dentro dunha estrutura como a UE.
É onde máis sentido teñen: cando vemos as consecuencias dese modelo, como a recentralización política e económica, que supoñen unha perda de democracia, de calidade de vida e de oportunidades. Nacionalismo significa defensa dos intereses deste país pero para estar no mundo con voz propia.

Que ten primacía no Bloque, o nacionalismo ou a política social?
Son a mesma cousa. Poño un exemplo claro: Galicia necesita unha Facenda propia para utilizar os seus recursos e desenvolver o país. No canto de ter a chave dos nosos cartos o señor Montoro, que a teñamos os galegos. Significaría dispor de 3.000 millóns de euros máis porque son impostos que pagamos e que non se reinvisten no país, senón para salvar a banca, a boa vida da familia real ou en guerras inxustas. Hai un sistema como este, o de Euskadi, e non vexo ao Goberno vasco querendo devolver estas competencias fiscais que lles fixeron avanzar.

Autonomía fiscal
"Ter unha Facenda propia significaría reinvestir no país 3.000 millóns de euros máis"

Exponse pedir un referendo ao estilo de Cataluña?
O pobo galego ten que ter dereito a decidir. Logo, os ritmos e estratexias varían dunhas nacións a outras. O que non entendemos é a cerrazón do Estado español a querer abrir unha nova etapa e recoñecer que hai outras soberanías e que os pobos teñen dereito a decidir.

Ser muller é un plus?
Ser muller é unha realidade, do mesmo xeito que ser un home. Que se pregunte por iso é a primeira denuncia sobre a desigualdade que existe no día a día, non só na política. Dóeme ver como a violencia de xénero non se asume como problema de Estado ou que se vexa con normalidade que as mulleres cobremos menos por un mesmo traballo. A igualdade debe ser unha prioridade. Esa sensibilidade non é exclusiva das mulleres, pero sempre foron as mulleres quen tomaron a dianteira na defensa dos seus dereitos. Se os galegos me desen a súa confianza, gustaríame ser lembrada como unha presidenta que se empeñou en acurralar o machismo e a violencia contra as mulleres.

Estas eleccións son o punto decisivo para a continuidade do BNG?
O BNG é unha organización que leva máis de trinta anos neste país e que ten unha sólida base en concellos, con persoas que traballan día a día. Estou convencida de que nestas eleccións haberá unha remontada do BNG porque hai ilusión, proxecto e confianza no país.

Comentarios