Exerce unha paixón futbolística e polo Castro xa desde pequeno

O club conta cun cativo de catro anos que comparte campo e vestiario cos xogadores
Mateo González Fernández
photo_camera Mateo González Fernández

O CASTRO, que este ano milita en Terceira División, conta nas súas filas cun futbolista vocacional que xa quererían para si moitos dos equipos de Primeira División.

Iván González, un dos principais artífices do ascenso do Castro na pasada tempada, é o pai de Mateo. «Case naceron xuntos o balón e máis el», di do fillo con orgullo.

Con só catro anos o pequecho engaiola coa súa desenvoltura ao falar de fútbol. Sínteo. E máis aínda a quen o ve en acción no campo. Durante os adestramentos, no banquiño ou nas gradas. Pero sempre co equipo chairego.

«Son futbolista», afirma Mateo González, cun sorriso pícaro e rotundidade, ao estreitarlle a man para a entrevista. Sobre o céspede do Municipal de Castro viste a equipación oficial do club e corre cos xogadores nas rondas de adestramentos. Limpa as botas antes de entrar ao campo, con profesionalidade, e co balón amosa unha técnica que á súa idade verdadeiramente sorprende. «É un crack», comentan quen o coñecen ben.

«Tirar goles é o que máis me gusta», comenta sen deixar de sorrir. A continuación engade que tamén quere ser porteiro. («de discoteca», di e volta a rir).

Este ano comezou na categoría biberón do CD Lugo, aínda que por agora a súa única expectativa deportiva pasa por xogar de maior «no Castro». No club chairego os xogadores -todos eles, Xaime, Mariñeiro, Tichu...- veno coma un máis, e comparten con el o balbordo do vestiario tras o partido. «É un xogador máis, e corre máis que algún deles», din ao seu carón mentras fala para este xornal.

Mateo ten claro que vai afeccionar ao fútbol ao seu primo Roque, -quen aínda non cumpriu un ano-, e polo de agora no colexio adoita xogar ao balón «con Álex, que é do Barça». Malia el ser do Madrid e admirar «a Cristiano».

Ás veces ve os partidos pola tele pero prefire ser quen corre polo céspede. Sábeo a súa amiga Cloe, con quen conversa sobre canto de ben xogan os pais. «O meu ata a lúa», dixolle el hai uns días.

Comentarios