O PP critica que o goberno local externalice o mantemento de fontes por 36.000 euros ao ano

Antonio Ameijide lembrou que o equipo de goberno xa eliminou hai un ano a brigada de saneamento

O vicevoceiro do grupo municipal do PP, Antonio Ameijide, cuestionou a externalización da limpeza, mantemento e conservación das oito fontes ornamentais do casco urbano, que ao seu entender pon de manifesto "o afán dos socialistas por seguir privatizando servizos".

Antonio Ameijide, que considera que a brigada de augas -formada por oito operarios fixos e dous eventuais que rematan este mes o seu contrato- realizaba este traballo de xeito "eficiente", indicou que o goberno local pagará a unha empresa por este labor 36.000 euros anuais.

O edil popular lembrou que o equipo de goberno xa eliminou hai un ano a brigada de saneamento que se encargaba da limpeza dos sumidoiros.

Antonio Ameijide lamentou asemade que o goberno municipal "sega restando competencias e duplique gastos en servizos que podería asumir de forma directa cunha reorganización do persoal que quedou sen funcións cando entrou a funcionar a nova potabilizadora".

Comentarios