O BNG municipal non vai facilitar a aprobación dos orzamentos polos incumprimentos

Lembrou que das máis de 70 propostas presentadas pola súa formación apenas se cumpriron media ducia

O BNG non ten previsto facilitar ó goberno local a aprobación dos orzamentos para 2017, como fixo cos deste ano coa súa abstención.

O voceiro municipal desta fronte nacionalista, Rubén Arroxo, dixo que a dous meses de finalizar o exercizo "hai partidas orzamentarias que non se executaron, e dificilmente se executarán". Lembrou que das máis de 70 propostas presentadas pola súa formación "apenas se cumpriron media ducia".

"Quedaron cousas importantes sen executar por incompetencia do goberno; non foron capaces de poñer en marcha nin as súas propias propostas", asegurou Rubén Arroxo, que anunciou onte que "será difícil chegar a acordos porque os gobernantes do PSOE non foron capaces de executar o orzamento que eles mesmos propuxeron".

Rubén Arroxo lembrou que o BNG se abstivo para "dar un voto de confianza a un goberno recén chegado, pero a experiencia deste ano dicta que as promesas foron papel mollado".

INCUMPRIMENTOS. O edil nacionalista puxo como exemplo dos incumprimentos orzamentarios a creación da zona pública de baño, para a que o goberno local contemplaba unha partida de 250.000 euros nos orzamentos deste ano. "Non hai nada feito agás unha batimetría coa que a alcaldesa tenta convencer aos lucenses de que, para o vindeiro ano, van facer algo despois de estar agardando dende 2009, ano no que a zona de baño foi anunciada polo goberno socialista".

Arroxo tamén se referiu a "moitos" acordos plenarios incumpridos para os que había partidas orzamentarias e que, ao seu xuízo, "non se executaron pola incompetencia do goberno municipal".

Citou os hortos urbáns municipais, a implantación de zonas 30 en rúas ou a peonalización da Ronda na Mosqueira.