Elba Sandamil: "A primeira feira de Reigosa vai ser especial, haberá sorpresas e un pregoeiro"

A asociación veciñal de Reigosa, que preside Elba Sandamil, acaba de marcarse un novo reto logo de levar varios anos honrando a memoria de Mariña Folgueira: recuperar a feira da parroquia, que levaba uns 70 anos sin facerse. A cita, que será mensual, estréase o sábado 29
Elba Sandamil
photo_camera Elba Sandamil

A asociación medioambiental e sociocultural de veciños de Santiago de Reigosa creouse no ano 2008 e conta con 70 socios. Ademais da presidenta, na directiva figuran outras seis persoas: Celedonio Iglesia (vicepresidente) Noelia Rodríguez (secretaria), Jesús Gesto (tesoureiro) e Gervasio Silva, Tania Canto e María López (vogais).

O día 29 recuperan a feira, que os levou a dar este paso?

Pois así é, o día 29 de outubro levaremos a cabo a primeira feira desta nova etapa. Despois de 70 anos no recordo de moitas das persoas máis lonxevas da nosa parroquia, pensamos que é o momento de volver a gozar da nosa feira. Queremos que as xeracións máis novas coñezan a nosa feira, a feira de Reigosa, e que o día de mañá poidan contarlles ós seus netos e netas as historias da feira como fan os nosos avós e avoas connosco. Reigosa incrementou a súa poboación debido a diversos factores (rehabilitación de vivendas, construción de vivendas sociais…) e consecuentemente reavivouse o movemento social, cultural e económico desta. Tamén contamos cunha veciñanza moi activa, que nos apoia e axuda en todas as actividades que levamos a cabo dende a asociación de veciños. Todo isto foi o que nos levou a dar este paso, a intentar devolverlle a Reigosa a feira de seu.

A recuperación da feira é un dos principais temas das conversas entre os veciños


Que vai ofrecer esta primeira edición?

Esta primeira edición vai ser moi especial. Para abrir este acontecemento imos contar cun pregoeiro. Trátase dunha persoa vinculada a Reigosa polo que vai ser moi emotivo. De momento non queremos desvelar o nome, ata que esteamos máis preto da data da feira. As persoas que van vir á nosa feira van atopar máis dunha vintena de postos de feira. Imos ter todo tipo de produtos: alimentación, roupa, calzado, panadería, ferrexería, artesanía... todos os produtos que se poden atopar nunha feira. Se ben é verdade que nós, pouco a pouco, imos intentar que sexa unha feira de referencia de produtos galegos. Queremos promocionar o noso, os produtos da nosa terra. Imos ter polbo á feira, co seus cachelos e co seu viño. E temos a sorte de poder comelo dentro do noso local social, ó quente. As inclemencias do tempo non van ser un problema para poder gozar do polbo. Vai haber máis sorpresas nas que estamos traballando e contaremos no seu momento.

Que hai que ter en conta á hora de organizar un evento destas características?

Permisos, con quen hai que falar... Co primeiro que hai que contar é co permiso do Concello. Neste caso xa o temos. Despois hai que comezar a falar co sector de comerciantes para saber se teñen dispoñibilidade para poder vir debido ó gran número de feiras que se levan a cabo na nosa provincia e,  por último, atopar un bo polbeiro ou polbeira. Tendo todo isto xa se pode organizar unha feira.

Contan con algún tipo de apoio para organizala?

Si, contamos co apoio incondicional da veciñanza e tamén coa axuda do noso Concello. Para espallar a nova contamos tamén coa axuda dos diversos medios de comunicación da provincia. É fundamental difundir a nosa feira para ter bo comezo e que veña moita xente.

Como reaccionaron os veciños ante a posibilidade de volver a ter unha feira mensual?

Os veciños e veciñas están moi contentos e entusiasmados coa recuperación da nosa feira en Reigosa. Nestas últimas semanas é un dos principais temas das conversas entre eles e só se escoitan comentarios positivos.

Hai máis feiras no concello? A cal adoita ir a xente de Reigosa?

Si, no noso concello hai a feira de Bretoña, que se leva a cabo o segundo sábado de cada mes. Despois está a feira de Meira que ten moita antigüidade e sona. É unha feira de referencia para mercar todo tipo de produtos e a xente da nosa zona habitualmente vai a esa.

O noso patrimonio  inmaterial foi desprestixiado durante séculos e séculos, pero agora a sociedade galega está collendo conciencia de pobo, de recuperar o noso

Nos últimos anos recuperáronse varias feiras coma a súa, a que cren que se debe, están de moda?

Nós pensamos, ou polo menos así é no noso caso, que a sociedade galega está collendo conciencia de pobo. Ben sabemos que durante moitos séculos Galicia estivo moi abafada polos poderes políticos, aí está a nosa historia como testemuña (os Séculos Escuros, a etapa franquista...). O noso patrimonio inmaterial (a nosa lingua e as nosas tradicións) foi desprestixiado durante séculos e séculos. Agora, como xa dixen, nesta nova conciencia de recuperar o noso, de darnos conta que nada é máis importante ca nosa identidade como pobo porque senón desaparecemos como tal, é de onde xorden estas iniciativas restauradoras. Xorde a recuperación das nosas tradicións, do noso. No caso de Reigosa, a recuperación da nosa feira. Estámonos dando conta da importancia da nosa identidade e iso leva consigo recuperar o perdido noutrora.

Outro dos grandes obxectivos da entidade é preservar a memoria de Mariña Folgueira. Para quen non a coñecese, quen é esta veciña ilustre, como a presentarían?

Mariña Folgueira foi unha xornalista galega cuxa andaina profesional comezou na Guía del Ocio de Galicia y del Norte de Portugal. Logo pasou a formar parte do equipo de Radio Nacional de España e, xa por último, incorporouse ao Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia onde exerceu ata o seu pasamento no ano 2011. Como vedes foi unha boa xornalista. Mais nós imos máis alá, nós queremos preservar a súa memoria porque foi unha muller de ben. Mariña foi a promotora de moitas das actividades que se facían na nosa parroquia. Era a embaixadora de Reigosa alá por onde ía. Amaba a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa paisaxe. Mariña loitou pola liberdade que exerceu na súa vida persoal e profesional. O seu lema era 'vive e deixa vivir'. Na súa traxectoria vital foi coherente, libre e xenerosa. Como podes ver hai motivos, máis que suficientes para querer que siga connosco. Deixou unha fonda pegada en Reigosa e, os que a coñecemos, queremos que siga brillando aquí, no Lameiro. Queremos manter o seu espírito materializándoo no certame de redacción.

A segunda edición do concurso escolar de redacción xornalística que leva o seu nome foi todo un éxito, haberá terceira edición?

Pois claro que haberá terceira edición. E cuarta, e quinta e todas as que poidamos facer. O noso obxectivo é que o Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira teña unha longa traxectoria e sexa un concurso de referencia na nosa provincia.

Teñen xa as bases, haberá algunha novidade?

De momento aínda estamos facendo chuvia de ideas para arrancar coa terceira edición, mais seguro que algunha novidade haberá.

O noso obxectivo é que o Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira teña unha longa traxectoria e sexa un concurso de referencia na nosa provincia

Que outras actividades promove a asociación?

Agora mesmo temos bastante actividade na nosa asociación. Facemos diversos cursos, facemos a Festa das Letras o 17 de maio, celebramos o San Xoán, temos concurso de disfraces polo Entroido, un xantar anual, temos un espectacular Belén polo Nadal, exposicións de fotos, excursións, etc... A maioría das nosas actividades son encamiñadas á preservación do noso patrimonio cultural.


Teñen algún proxecto máis en mente?

En mente temos moitos proxectos porque somos xente moi activa e sempre nos están xurdindo ideas novas, mais non temos a solvencia económica necesaria para materializalos.

O orzamento é sempre un dos grandes problemas das asociacións socioculturais, se non tivesen que preocuparse polos fondos, que iniciativa lles gustaría levar a cabo?

A verdade é que, malia a que contamos cun orzamento reducido, ben é certo que ao longo do ano lévanse a cabo moitos proxectos socioculturais que teñen moi boa acollida. Pero, se nos poñemos a soñar ocórrensenos moitas actividades interesantes: Ciclos de cine para nenos e maiores ao longo de todo o ano, creación dun parque lúdico infantil, unha semana cultural dedicada ao encontro de portadores da tradición oral ou concertos de grupos e artistas da nosa terra. Tamén nos gustaría facer talleres de artesanía, exposicións ou campionatos e exhibicións de aeróbic e doutras disciplinas deportivas das que practicamos na asociación.

Comentarios