Eva López Roca, nomeada xefa de Urxencias do Hospital da Costa

A doutora Eva López Roca foi confirmada como nova xefa do servizo de Urxencias do Hospital da Costa, ao fronte do cal xa viña exercendo dende había meses, en substitución de Rosa Colino. López Roca licenciouse en 1997 en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e no 2002 acadou a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, ano no que ingresou no Servizo Galego de Saúde, empezando a traballar daquela nas Urxencias do Hospital da Costa en Burela. O servizo atende una media superior ás 70 urxencias diarias, das que un 16% precisan ingreso.
A doutora Eva López Roca completou a súa formación como especialista en medicina familiar e comunitaria cun amplo abano de cursos relacionados con distintos aspectos da atención sanitaria e co servizo que vai dirixir, como 'A triaxe nos servizos de urxencias', segundo sinala o Sergas. Tamén se formou en 'Humanización no ámbito sanitario', 'Soporte vital cardiovascular avanzado', 'Atención ao infarto agudo de miocardio', entre outros moitos Tamén ten impartido docencia universitaria, sendo titora durante varios anos dos alumnos da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela que acuden a formarse ao Hospital da Costa na especialidade de medicina familiar e comunitaria. Tamén impartiu cursos de formación continuada e de formación especializada relacionados, principalmente, coa atención aos pacientes urxentes nun servizo de urxencias hospitalario. A doutora López Roca tamén ten publicado artigos en publicacións científicas, froito da súa actividade investigadora. O Servizo de Urxencias do Hospital da Costa é responsable da asistencia sanitaria hospitalaria urxente da poboación da área sanitaria norte da provincia, formada por catorce concellos. Neste servizo aténdense cada día unha media de 70-75 urxencias e unhas 25.000 cada ano. Delas, aproximadamente un 16% precisan ser ingresadas. Nos últimos anos, o Servizo de Urxencias do Hospital da Costa viuse sometido a importantes melloras en canto á súa organización e funcionamento. Entre elas, a implantación do sistema de priorización de pacientes (triaxe Manchester) hai dous anos. Trátase dun novo sistema organizativo e asistencial que mellora a atención que se presta neste servizo, axudando aos profesionais a establecer a orde de atención dacordo con criterios asistenciais de gravidade, rapidez e eficacia. Para a súa posta en marcha, realizáronse obras de reforma neste servizo e aumentouse a plantilla de profesionais de enfermería. O “Triaxe Manchester” é un sistema que consiste na clasificación dos pacientes cun código de cores, que permite identificalos segundo a prioridade da súa patoloxía; esta prioridade será o criterio que determine o orde de atención no Servizo de Urxencias, e non a hora de chegada do paciente ao servizo, como acontecía ata o de agora. O obxectivo deste sistema de traballo no Servizo de Urxencias é axudar ao tratamento do paciente individual, como á organización do servizo, permitindo axustar os tempos de atención a criterios de comprobada eficacia clínica, de gran axuda na práctica diaria e especialmente en situacións de emerxencia, xa que posibilita que os pacientes máis graves sexan tratados primeiro. Segundo fontes da Consellería de Sanidade, para implementar este sistema foi necesaria a formación específica tanto do persoal de enfermería como facultativo, así como realización de obras de reforma no Servizo de Urxencias do Hospital da Costa para adecuar os espazos dispoñibles ao novo sistema de traballo: ampliación da sala de espera, a ampliación da zona de admisión de urxencias do Hospital da Costa e de admisión do Punto de Atención Continuada, delimitación e creación da área de triaxe, entre outros traballos. No que atinxe ao persoal, a implantación deste novo modelo de atención en urxencias trouxo consigo un incremento da plantilla de persoal do Servizo de Urxencias do Hospital da Costa, que se aumentou en tres profesionais de enfermería, un para cada turno de traballo, formados especificamente no emprego deste programa de traballo.

Comentarios