Amor puro e sexo porco para un disco de "indie rururbano" e "postbravú"

Berlai: "Volvín do tanatorio e por primeira vez escribín unha canción con letra"

O ex Fía na Roca publica 'Desconhecido', o seu primeiro disco en solitario, que é á vez unha banda deseñada e está baseado na historia dun tío avó seu de Recelle, no municipio de Portomarín
Berlai
photo_camera Berlai

O Far West está onde se tocan os municipios de Portomarín, Lugo e Guntín, no lugar de Recelle. Alomenos para Xiao Berlai, exintegrante de Fía na Roca, que publica agora Desconhecido, o seu primeiro proxecto en solitario. Trátase dun disco que é ao tempo banda deseñada e que está inspirado na historia de desamor dun tío avó do propio Berlai.

"Meu tío avó Alfonso foi da casa de Berlai de Recelle —supoño que nalgún momento a miña familia foi deste lugar de Guntín— e como non o deixaron casar coa muller da que namorara, recluíuse e deixouse ir; foi unha caste de suicidio a longo prazo", relata o sobriño neto, que adopta agora o nome da casa familiar como apelido artístico.

"Alfonso era de casa rica. Como non o deixaron estar con quen el quería estar foi valente e dixo: Aí vos queda a casa, eu non quero nada", pormenoriza Xiao Berlai, quen engade que estas imposicións sociais e convencións "tampouco son tan alleas no noso tempo".

O proxecto tivo o seu xermolo hai uns anos, co pasamento do tío avó. "Ao volver do tanatorio sentín a necesidade de escribir unha canción como homenaxe para un parente moi querido e admirado. Eu nunca antes escribira unha canción con letra, facía temas instrumentais para Fía na Roca e outros grupos".

Así naceu Quem pudera ter sido..., o primeiro corte do álbum. Na banda deseñada que complementa o proxecto dátase en Recelle o 12 de xaneiro de 2010 o relato dun dos tantos alfonsos: un corpo sen vida abrazado ao xersei da amada 60 anos despois da decepción e do agocho nunha casoupa sen luz eléctrica, comesta polos bechos e as goteiras a caer sobre bolsas de plástico cheas de millares de euros acumulados cunha pensión non contributiva.

Desconhecido é unha historia de amor e de tolemia contada en músicas e letras/poemas de Xiao Berlai e debuxos do artista Ernesto G. Torterolo. "Ao principio, pensei nun álbum ilustrado, pero pouco a pouco vin que se establecía un diálogo entre os debuxos e as cancións", explica o músico.

Como Julio Cortázar en Rayuela, Xiao Berlai escribe no seu Desconhecido unha guía para que os lectores/oíntes se mergullen na historia. A obra convértese nun collage no que as partes (unha canción, un debuxo, unha secuencia, un poema) poden ser independentes e, ao mesmo tempo, cando son lidas como partes do todo, cobran un novo sentido.

Nos debuxos de Torterolo, o tío avó Alfonso adopta a aparencia física do sobriño neto Xiao. "Era necesario porque quería contar a historia en primeira persoa. Así que contextualicei o relato no tempo actual e volvinme el; púxenme na súa pel".

Nos debuxos fan tamén acto de presenza os músicos que acompañan a Berlai nesta nova andaina, Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados). "É unha idea da serie Flash Forward e aparecemos tocando nun baile tradicional, malia que nós non facemos ese tipo de música", explica o líder da banda.

Comentarios