"Fixemos unhas camisetas o máis parecidas posible ás daquel entón"

O Mindoniense ten unha cita coa historia

O equipo do Mindoniense que logrou o ascenso a Terceira será homenaxeado no consistorio e xogará ante o Viveiro de veteranos
De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Manolito, capitán, e o presidente Rey, con gafas. Un equipo. Primeiro partido en Terceira en Viveiro
photo_camera De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Manolito, capitán, e o presidente Rey, con gafas. Un equipo. Primeiro partido en Terceira en Viveiro

Os afeccionados ao fútbol de Mondoñedo xa contan as horas para reencontrarse cos heroes daquel equipo que levou ao Mindoniense ás cotas máis altas da súa historia e que certificou o ascenso na temporada 1990/1991 a Terceira. Aproveitando as vodas de prata desta efeméride, o plantel e directiva daquela época recibirán mañá unha calorosa homenaxe da localidade.

O encargado de levar adiante esta iniciativa foi o concelleiro de Deportes da cidade episcopal, Manolo Tapia. «A idea é volver xuntar un grupo de xente que ao mellor leva moito tempo sen verse e rememorar aqueles tempos tan bos», destaca.

Os que se acheguen mañá ao Viñas da Veiga poderán ver a históricos do fútbol local e mariñano como Noly -capitán e autor do gol de falta diante do Calo que rubricou o ascenso do Mindoniense-, Moncho, Nacho ou Cándido, entre outros. E no banco estará Gayol, que guiou a ese conxunto a un ascenso co que practicamente nin eles mesmos contaban cando arrincaba aquela tempada.

A primeira parada da homenaxe será o consistorio, onde as autoridades locais, coa alcaldesa Elena Candia á cabeza, ofrecerán unha recepción oficial aos xogadores e directivos daquel equipo a partir das catro da tarde.

CONFIRMADOS. Tras este recibimento, ao que esperan que tamén se sume o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, dirixiranse ao estadio Viñas da Veiga, onde ás 18.00 horas arrincará o partido entre os veteranos do Viveiro e unha plantilla integrada polos xogadores daquel equipo do Mindoniense e outros que competiron nos anos seguintes en Terceira.

«Do equipo do ascenso xa temos confirmada a presenza para xogar de Cándido, Nacho, Xesta, Ángel, Noly, Moncho, Juan Muíña, Chino e Juan de Palas. Tamén estarán, pero non xogarán, Guillermo, Seijas, Molo, Carlitos e Manolito. E se o traballo llelo permite, tamén virán Kike e Alberto Bermúdez. Pibe vive en Vigo e ao final cremos que non poderá asistir polo traballo. Completarán o equipo xogadores de toda a época de Terceira: Bouso, Devesa, Bebo, Sandamil, Picoaga, Alberto García, Durán, Negrín, Raúl e Lemos. E o encargado de dirixir ao equipo será Jesús Gayol», avanza Tapia.

Comentarios