O desafío das nacionalidades e de Taiwán

'‘China moderna’', o novo libro de Xulio Ríos

Esta análise do director do Igadi inaugura a colección ‘'Una inmersión rápida'’ de Tibidabo
Xulio Ríos
photo_camera Xulio Ríos

A modernización de China que lidera o Partido Comunista é máis un proxecto histórico e cultural ca ideolóxico. Trátase pechar o capítulo da decadencia iniciada hai dous séculos situando de novo China no epicentro do sistema internacional, asegura Xulio Ríos na súa máis recente obra, ‘China moderna’, que abre a nova colección ‘Una inmersión rápida’ de Tibidabo edicións. 

Ao longo das súas 200 páxinas, Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), aborda os aspectos políticos, económicos, culturais e sociais da reforma en China, pero afondando nas súas claves históricas.

Conclúe así que, nunha China de dinastías, o Partido Comunista configura a primeira "dinastía orgánica" da súa historia, de forma que os seus máis de 80 millóns de membros supoñen a actualización do vello mandarinato que durante séculos gobernou o vello Imperio do Centro. 

Ideoloxicamente, os comunistas chineses son eclécticos. Ao pensamento partidario –forxado durante o maoísmo e a reforma– suman o pensamento occidental –marxismo e liberalismo– e tamén o pensamento tradicional, tan deostado noutras épocas.

O autor está certo de que a chave do futuro desta China no século XXI, ademais do desenvolvemento, é a preservación da soberanía nacional

Segundo Ríos, onde os occidentais observan un galimatías pletórico de contradicións, os chineses enxalzan a unidade dos contrarios primando unha cousa ou outra en función das demandas dunha conxuntura concreta e sen temor a incorporar preceptos ao uso nas nosas coordenadas como o Estado de dereito ou o imperio da lei. 

A síntese de toda esta metamorfose é un hibridismo sistémico. Socialista ou capitalista? Na China de hoxe, debedora do mercado e da propiedade privada, podemos recoñecer tamén o alargado peso da economía planificada e da propiedade pública, de forma que o Partido Comunista detenta aínda poderosos resortes para decidir o rumbo dos máis importantes asuntos. "É máis, pese ao profundamento da reforma, o PCCH non se imaxina renunciar ao control da economía e manterao non só a través do seu imperio normativo, senón dispoñendo as súas organizacións nos segmentos do poder económico –tamén privado– e configurando a súa propia base de actuación nos sectores estratéxicos", sinala Xulio Ríos. 

O autor está certo de que a chave do futuro desta China no século XXI, ademais do desenvolvemento, é a preservación da soberanía nacional, a súa capacidade para evitar caer nas redes de dependencia de Estados Unidos e o mundo occidental, preservando un proxecto autónomo.

Comentarios