Patrimonio dos Ancares pedirá á Xunta que declare BIC a vía romana XIX

Enviaron unha proposta de adecentamento e sinalización a concellos e á Deputación
Tramo da vía XIX, que unía Braga con Astorga por Lugo
photo_camera Tramo da vía XIX, que unía Braga con Astorga por Lugo

O colectivo Patrimonio dos Ancares promoverá ante a Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural da vía romana XIX, que unía Braga con Astorga por Lugo e atravesaba a provincia. 

A asociación que encabeza Xabier Moure enviou tanto á Deputación como aos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna unha proposta de acondicionamento e sinalización do itinerario da vía romana. Este sería o primeiro paso para, a continuación, reclamar á Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural. O colectivo está elaborando un informe para a Administración galega, co fin de destacar a importante función que a citada calzada romana tivo para a comarca dos Ancares e para vertebrar o que hoxe é a provincia de Lugo, así como o valor patrimonial que pretenden conservar. 

SINALIZACIÓN. Xabier Moure apunta, ademais, que na próxima primavera o colectivo vai colaborar coa Deputación para adecentar a contorna e sinalizar bens que se atopan dentro da reserva da biosfera dos Ancares, en Becerreá, Navia e Cervantes. Está previsto que esta actuación se amplíe a Baralla, As Nogais e Pedrafita. 

O colectivo elaborou un blog no que recolle preto de 100 roteiros que levan a bens de interese patrimonial nos Ancares

Moure explica que en reiteradas ocasións contactou con institucións para comunicarlles a conveniencia de protexer os elementos patrimoniais que o seu colectivo vai localizando (mámoas, petroglifos e castros). Non tivo moito éxito, polo que valora a disposición mostrada pola Deputación e maniféstase "prudentemente satisfeito" á espera dos resultados. 

Critica tamén a despreocupación da Igrexa, "propietaria de centos de monumentos", e mesmo dos particulares, "donos de castelos, torres e casas fortes que esquecen as obrigas de mantemento que lles marca a lei, sabedores de que non lles vai traer consecuencias". 

BLOG DE RUTAS. Patrimonio dos Ancares vén de compilar nun blog preto de 100 rutas que conducen a monumentos de recoñecido valor patrimonial da comarca. Con esta actuación, a asociación pretende suplir a falta de iniciativa das institucións, que ata o momento non conseguiron elaborar unha guía sobre a materia. 

O blog rutasarqueoloxicaspolosancares.blogspot.com.es ofrece información sobre como chegar a lugares de interese arqueolóxico ou monumental, onde se atopan mámoas, petroglifos, castros, restos romanos, pontes, castelos ou mosteiros.

En total, son preto de 100 rutas polos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita. O blog inclúe unha breve explicación do elemento a visitar, fotos e un mapa con coordenadas xeográficas que permite a súa localización. 

Este espazo ofrece tamén enlaces con outros blogs do colectivo Patrimonio dos Ancares que facilitar información máis detallada sobre os xacementos arqueolóxicos, lendas relacionadas ou outros datos de interese.

Comentarios