Unha exposición resumida en nove grandes paneis

Historia viva no corazón de Castro de Rei

Recuperouse o antigo escudo da torre, que se instalou ao pé da igrexa no casco antigo
Á esquerda, o escudo, e á dereita, os novos paneis nos arredores da igrexa
photo_camera Á esquerda, o escudo, e á dereita, os novos paneis nos arredores da igrexa

O corazón de Castro de Rei foi declarado conxunto histórico protexido por decreto do Ministerio de Educación e Ciencia en 1971 -logo Ben de Interese Cultural-, pero este ano, se cabe, gañou máis historia coa inauguración do recentemente recuperado escudo do antigo castelo.

Tras o traballo iniciado pola corporación municipal anterior e a mediación do exedil Mario Saavedra, o Concello de Castro de Rei conseguiu a titularidade dun símbolo que conservou durante anos un veciño e que por fin volve ocupar o lugar destacado que merece, xa que o escudo é do pouco que se rescatou desa torre medieval que caeu no esquecemento.

Ao pé dunha das paredes da igrexa de Santa María, que se ergue no centro do casco histórico dende finais do século XII, o escudo recorda tempos pasados, dos que apenas quedan poucas imaxes e algún gravado.

A torre de Castro de Rei data dos primeiros anos do século XIV e estivo habitada, segundo a documentación que se conserva, ata o ano 1737, aínda que se mantivo en pé varios séculos máis, ata 1941, cando se derrubou debido ao paso do tempo e a un forte vendal que chegou á Terra Chá. Tivo feridas antes, pero a esas sobreviviu. No ano 1468 foi asaltado e queimado pola Revolta Irmandiña.

O castelo, integrado na propia vila, estaba defendido por un recinto amurallado, segundo se recolle en diversas referencias históricas, e do que aínda se conservan algúns tramos. A torre tiña planta cadrada, cuns once metros de ancho e 14 de alto, con grandes muros, duns 2,8 metros de grosor.

O escudo, que presidía a fachada principal, é agora parte da historia recuperada do municipio de Castro de Rei e unése no casco antigo -construído sobre un xacemento arqueolóxico- a ese patrimonio singular, de rúas estreitas e empedradas e restos de murallas.

Ademáis, ao patrimonio artístico deste conxunto histórico no corazón de Castro de Rei súmase o natural, xa que dúas rutas históricas parten dende alí e percorren o concello cara outros símbolos.

A Ruta do Azúmara é un percorrido duns nove quilómetros, que discorren próximos ao río, que vai ata o castro de Viladonga. A Ruta da Escrita é unha senda duns sete quilómetros que leva a Coea e conduce ao camiñante a outro emblema -a través de máis dunha vintena de versos de poetas que cantan á Chaira-: o Sagrado Corazón de Santa Locaia.

Comentarios