Integración, a batalla gañada

O Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá comezou a súa andaina no ano 2000 para dar apoio a persoas con discapacidade. Actualmente, con 32 usuarios e tres obradoiros de emprego, é unha entidade "coñecida e recoñecida" na localidade, que non para de medrar e reinventarse con infinitas propostas

SON COMO UNHA gran familia cunha pequena empresa. "Coñecémonos tanto que xa sabemos interpretarnos. Discutimos ás veces, pero a relación é estupenda", di cun sorriso Belén Varela, a directora do Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá, unha entidade "coñecida e recoñecida", como ela mesma indica, que na súa loita pola iguadade das persoas con discapacidade xa gañou unha batalla, a integración.

"Tanto eles como os traballos que facemos están totalmente integrados no pobo, xa non hai que traballar niso. Somos outros máis e por parte de todos os organismos e asociacións, sempre que se fai algo, convídannos", di rotunda Belén. Porque pese a que o centro está no polígono industrial Sete Pontes, as súas pegadas chegan a tódolos recunchos, sobre todo desde que deseñaron os pictogramas de tódolos edificios públicos.

O centro, unha entidade intedependente que xestiona unha fundación, arrincou no ano 2000 con 13 usuarios nuns locais adaptados nos Freires, ata que en 2005 se inauguraron as novas intalacións. Aumentaron o número de usuarios —actualmente suman 32 chegados dende Vilalba, Guitiriz, Cospeito, Xermade e Lourenzá—, pero mantiveron a súa esencia, o obradoiro de serigrafía.


Deseñaron pictogramas en toda Vilalba e realizaron unha hucha para a cesta-bebé da Xunta e o regalo institucional do Concello


"É un dos símbolos do centro ocupacional, coñécennos por imprimir bolsas. Sempre foi polo que nos identificaron, aínda que hai moito máis", di Belén, que enumera outros traballos como as equipacións deportivas, a roupa en xeral e as decoracións das caixas para viños, marmeladas ou patés que fan noutro dos obradoiros da súa pequena empresa, o de carpintería. A xardinería súmase como o terceiro pé deste negocio familiar e inclusivo.

"Empezamos cun invernadoiro que nos cedeu o Concello e agora temos dous, situados a un quilómetro do centro", di. E producen. "O ano pasado un cliente pediunos todo leitugas para vender", di a directora, que indica que en 2016 sumouse aos tres obradoiros existentes un proxecto novo de integración dende a expresión artística e as artes escénicas.

"Nunca estamos pechados a proxectos e sempre nos estamos reinventando. Pódese seguir medrando, imos dando pasos, pero podemos avanzar moito máis", di Belén, demostrando que para gañar batallas nunca hai que poñer barreiras por diante. En 2016, a maiores do novo proxecto artístico e a colocación dos pictogramas, sumaron outras novidades.

Celebraron a I Xuntanza de Centros da Provincia de Lugo para Persoas con Discapacidade Intelectual —co obxectivo de pasar o turno e que se faga de forma itinerante—, estrearon unha pequena biblioteca e crearon o préstamo de libros, nos que se apoiaron para outra iniciativa a través da que todas as librarías de Vilalba e Lugo regalaron rosas de papel vermello aos seus clientes polo Día do Libro.

O reto? "Manterse", di a directora do centro. "O balance destes anos é moi positivo. É un avance extraordinario dos usuarios, en autonomía persoal e a nivel laboral, e a presenza dos nosos produtos no pobo, igual", explica, e recorda que entre o gran abano de propostas que crean e deseñan, no último ano houbo dúas moi especiais: o reloxo para o Concello de Vilalba, que entregará a partir de agora como agasallo institucional, e un peto para as cestas de bebés que concede a Xunta. "Tamén facemos invitacións para bodas ou camisetas persoalizadas. Os Reis Magos encargaron aquí moitos agasallos este ano", apunta.

"O fin dos traballos é terapéutico, non se podería sobrevivir coa venda dos nosos produtos e tampouco é o obxectivo. Os beneficios son para reinvestir en materiais, melloras e profesionais", di.

Comentarios