O teatro para as cativas: Non se admiten peros

Volven os clásicos, volve a transparencia pero só aos vestidos das presentadoras, volve a costa de xaneiro, volve o teatro infantil e volven os xéneros clásicos: Óliver Laxe tira ao monte do western e Scorsese volve ao catecismo.
Teatro
photo_camera Teatro

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

XA NON SE NON SE PODE falar mal do Nadal. Xa non se pode falar mal de case nada. Para falar mal do Nadal hai que esperar que pase. É unha táctica que observo moitas veces en teatros de operacións con máis operacións que teatro. Falar mal das cousas cando o calendario xa as enterrou na súa desmemoria. Non se pode falar mal do Nadal nin do teatro infantil, nin de case nada infantil. En parte porque esta é unha sociedade obsesiva e algo infantilizada na súas reaccións. Iso que me respondía miña nai, Marta, cando eu era infante en Galicia e comezaba todas as frases cun pero: "non hai pero que valla". Agora tampouco se admiten peros. É comezar unha adversativa e todo o mundo pregunta se estás operado da vesícula. 

Pero o teatro infantil merece algunha pausa postNadal porque estamos deixando que as cativas se acheguen ao teatro como se fosen a outro lugar. Nalgúns restaurantes teñen menú infantil. Dous ovos fritidos coas súas patacas e, quizais, unha salchicha. Ese tipo de menú que pode asaltar a nostalxia dun adulto cunha infancia caldosa. Unha simplificación. Hai días que un vai ao teatro infantil e ve esa mesma simplificación de menú. Aí é onde comezan os "peros". 

Non entendo esa conivencia que as artes escénicas manteñen cos exercicios de didáctica. Como se o cometido de contar historias tivese que asumir os preceptos da educación, o que, en sentido moi parábolico, sería tanto como pedirlle compromiso político ao teatro alén de que facer teatro xa adoita ser un exercicio de compromiso. Incluso cando o fai Bertín Osborne, que ten un compromiso claro e meridiano coas súas maneiras de vivir.

O teatro está para que a xente aprenda cousas que non se poden ensinar e, cando se decide a ensinar, renuncia a que os espectadores aprenda

Pode ser que estudase con Barrio Sésamo e que algo daquel humor absurdo me quedase pegado. Barrio Sésamo debería volver como volven todas as cousas, pero non para cativos, que distinguen perfectamente entre lonxe e preto. Debería volver se é que non volveu nalgunha das obras de Voadora. Debería volver para adultos que, a estas alturas do século, non distinguimos entre a proximidade dos intereses colectivos e a distancia dos propios. E non hai pero que valla. 

O teatro non está para educar os nenos aínda que nos sintamos moito máis seguros con esa opción. O teatro está para que a xente aprenda cousas que non se poden ensinar e, cando se decide a ensinar, renuncia a que os espectadores aprendan. Berrobambán, Matrioshka, Limiar ou Elefante Elegante son compañías que respectan moito menos as etiquetas que o teatro. Non se preocupan moito por sinalar as idades dos seus espectadores e, por veces, parecen dirixirse máis ao que queda de nenos nos adultos. E ese debería ser o punto.  

Pero tamén está o mercado. E o xénero infantil é o único que está funcionando relativamente ben no mundo cultural galego. E no do resto do mundo. O mercado, por máis liberal que sexa, sempre para en conservador. Volve sobre o precociñado, volve sobre o menú infantil como ese espazo autónomo pero domesticado. Non sei que espera unha cativa, pero estou seguro de que non quere que a domestiquen. Como os adultos nos seus mellores momentos, os rapaces esperan o inesperado. Esperan o que se sae da norma, o que provoca algún tipo de transgresión aínda que sexa para ben. Porque todo o resto xa o teñen, na casa, na escola e ía dicir que na rúa. Pero non. Ese espazo hai moitos anos que lle foi secuestrado ao infantado. Non hai rúas para críos. 

Para calquera ensaio do futuro habería que sacar os cativos do carriliño. Nos escenarios, polo menos, habería que quitar o teatro do carriliño do teatro infantil. Estou seguro que na vida tamén... pero, pero, pero, pero....

Comentarios