Striptease agrorrural

A Escola Municipal de Teatro de Castro de Rei organiza unha mostra teatral na que o día 28 porá en escena a comedia de creación propia ‘Full Monte’
Os ‘fullmontes’ de Castro de Rei
photo_camera Os ‘fullmontes’ de Castro de Rei

Tres días, tres obras completamente diferente e o obxectivo común de entreter ao público asistente. Estes son os ingredientes da quinta edición da Mostra de Teatro Municipal de Castro de Rei, que se abrirá o sábado 28 coa representación dos anfitrións, a Escola Municipal de Teatro de Castro de Rei, que porá en escena a comedia de creación ‘Full Monte’.

A partir das 21.00 horas, o público presente na casa da cultura de Castro de Ribeiras de Lea a bo seguro que volverá a escachar coa risa coa posta en escena dun humorístico libreto escrito pola responsable da escola, Iria Acevedo, a partir de improvisacións feitas na clase e inspirado nunha popular película británica.

Un concello, un momento difícil, veciños dispostos a defender a súa terra, o seu traballo e a súa dignidade e un comercial disposto a empreder un novo negocio para solventar a situación de desemprego do pobo son o punto de partida desta montaxe na que actúan 15 persoas con idades que van dos dez aos 81 anos.

O ciclo, que terá lugar na casa da cultura de Castro, completarase coas actuacións das escolas da Pontenova e de Vilalba’

E é que este é un dos sinais de identidade da aula de Castro, toda unha experiencia interxeracional na que ata coinciden membros de tres xeracións distintas de dúas familias: Beni, Enma e Pau e Manuela, Pepín e Paula.

A obra estreábase cun rotundo éxito en xuño do ano pasado, seguindo os pasos de traballos anteriores, sempre coa nota humorística e a autoría propia como ingredientes esenciais da escola de Castro de Rei, que non faltarán tampouco na súa vindeira creación, na que comezarán a traballar en breve co obxectivo de presentala a finais de curso.

A Mostra de Teatro Municipal completarase coa presentación doutros dous montaxes das escolas da Pontenova e de Vilalba, tamén coordinadas polos membros de Teatro do Miolo Producións.

Así, o día 29, ás 19.00 horas, os 15 alumnos de Guillermo Cancelo na Pontenova defenderán sobre o escenario a súa adaptación dun libreto clásico de Antón Chéjov, ‘A horta das cerdeiras’.

O ciclo teatral pecharase o domingo 19 de febreiro, ás 19.00 horas e tamén na casa da cultura de Castro, co grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, que subirá ás táboas para presentar a comedia de terror ‘Habelas hainas’, unha obra creada o ano pasado baixo a dirección de Cristina Mariño.

Este ano Teatro do Miolo tamén asumiu a xestión da aula vilalbesa, a máis numerosa e que chega á década de existencia cuns 40 alumnos repartidos en tres grupos, o citado de adultos, un infantil e un xuvenil.

Comentarios