Convertérase Ulf ao cristianismo?

Bjarne Nielsen: "Moi poucos coñecen a Ulf o Galego en Dinamarca e Escandinavia"

O arqueólogo que cre ter atopado a tumba do viquingo que arrasou Galicia no século XI amósase sorprendido polo impacto do seu estudo
Bjarne Henning Nielsen
photo_camera Bjarne Henning Nielsen

O arqueólogo Bjarne Henning Nielsen confésase abrumado pola repercusión que a súa pescuda sobre a tumba na que cre que está soterrado o líder viquingo Ulf o Galego tivo a semana pasada en Galicia. "Non esperaba ese impacto", asegura.

Explica este home, conservador do Vesthimmerlands Museum de Jutlandia, que Ulf o Galego -ou Ulv Galiciefarer- non é excesivamente popular en Dinamarca ou Escandinavia. "Só uns poucos o coñecen". Sostén Nielsen que está mencionado na saga Knýtlinga, a dos primeiros reis de Dinamarca, e tamén na crónica de Saxo Gramático, "pero só nunhas poucas palabras". "Isto é así por razóns políticas, xa que o traballo de Saxo tiña como propósito glorificar unha determinada e moi poderosa linaxe, a dos Hviderne [considerados os primeiros en Dinamarca en abrazar o cristianismo]", que estaba no poder en Selandia, a illa máis extensa de Dinamarca.

Incide Bjarne Nielsen en que moitas outras familias de Dinamarca foron "máis ou menos ignoradas" por Saxo, cuxo traballo constitúe "a base da maioría das investigacións da Alta Idade Media en Dinamarca".

Ulf o Galego foi un líder viquingo que entre os anos 1028 e 1048 protagonizou varias incursións en Galicia. O bispo Cresconio de Iria Flavia organizou un exército para expulsalo do país e Vicente Risco atribuíalle ter sido o líder dos mercenarios normandos que participaron na batalla de Labio, no municipio de Lugo.

O conservador do Vesthimmerlands Museum explica que desde que se produciu a reescavación da cámara mortuoria en Næsby, Jutlandia do Norte, en 2011, fixo varias comunicacións sobre o enterramento. En febreiro do ano pasado, presentou un relatorio nun encontro en Børglum, tamén en Jutlandia do Norte. "Era unha reunión inicial na procura de atopar maneiras de facer unha película sobre a derradeira cruzada a Terra Santa, que finalizou de xeito completamente desafortunado", pormenoriza Nielsen, quen naquela cita hai agora case un ano coñeceu a outro experto en historia da era viquinga, o doutor Kurt Villads Jensen.

O profesor Jensen imparte docencia na universidade de Estocolmo e é especialista en cruzadas e historia militar, encontros culturais na Idade Media, historia das relixións e teoloxía e ligazóns entre a historia nórdica e da península Ibérica. O seu colega Nielsen engade, ademais, que Jensen vén de publicar unha monografía que investiga as relacións entre Dinamarca e os reinos ibéricos medievais, baixo o título ‘Korstog ved verdens yderste rand’As cruzadas nas periferias no mundo’).

Jensen suxeriulle a Nielsen o nome de Ulf o Galego para o viquingo da sepultura anónima. "Foi cando escoitou que o rei Valdemar I lles doara aos cistercienses algunhas das súas fincas privadas, terreos que o monarca herdara do seu pai, Canuto Lavard, asasinado antes de ser coroado". A xenealoxía que conecta a Ulf o Galego e o rei Valdemar I continúa da seguinte maneira: "A nai de Canuto fora a raíña Bodil, que casara co rei Erik; Bodil era a filla de Thrugot Ulvsen, que era á súa vez o fillo de Ulf o Galego", resume o arqueólogo dinamarqués.

Bjarne Nielsen confesa que lle deu a benvida á idea achegada polo historiador Jensen. "Por iso escribín un terceiro artigo que foi publicado na memoria anual do meu museo e do que tamén recibiu unha copia o portal especializado danés Videnskab.dk".

Nesta terceira aproximación ao viquingo misterioso, Nielsen dedicouse a repensar "que podería conectar a persoa -non había moito del na tumba- con Ulf". A espada e os aparellos do cabalo estaba feitos de aceiro centroeuropeo, "só os estribos semellaban ter sido fundidos en aceiro dinamarqués", especifica o investigador.

O arqueólogo de Jutlandia pediulle consello á doutora Anne Pedersen para a inscrición latina da folla da espada, e ela suxeriu que se lía "in nomine D", ou "no nome de Deus". Este detalle converte a espada nunha espada cristiá "e un auténtico viquingo pagán xamais tería sido soterrado cun obxecto cristián de tal importancia".

Deste xeito, Nielsen determinou que o ocupante da sepultura "era cristián, pero primeiramente soterrado pola súa xente baixo un túmulo; este fallo foi corrixido logo dun tempo, cando o túmulo foi nivelado e unha construción de madeira, talvez unha capela ou igrexa, foi erixida sobre a tumba, a tumba aínda no centro". Tamén lle engadiu a esta terceira investigación a súa crenza de que nesa tumba, dentro dos límites duns terreos de tilulariedade real, estaba inhumada "unha persoa moi importante".

Este artigo de Bjarne Nielsen chamou a atención da revista especializada Archeology e, seguidamente, de National Geographic. O investigador dinamarqués contempla abrumado a repercusión deste traballo sobre Ulf o Galego na terra que os seus antergos chamaron Iakobland -en referencia ao apóstolo Santiago-. Explica que á parte de Kurt Villads Jensen non coñece ningún outro académico en Dinamarca ou Escandinavia que estude as ligazóns entre os viquingos e Galicia e ofrécese a trasladarlle a pregunta a investigadores do Museo Nacional de Copenhague.

Bjarne Nielsen está certo de que os viquingos son extremadamente populares hoxendía, "incluso quizais de máis; atopámolos en calquera lugar". Non coñece a serie de ficción ‘Vikings’, do canal Historia, nin os documentais que acompañan a súa emisión, que lle dedican un dos seus episodios ás invasións normandas en Galicia e visitan emprazamentos da Mariña de Lugo e Catoira.

Preguntado por se sabía da celebración de festivais viquingos en Galicia, velaí a súa resposta: "Si, busqueinos en Google. Que se estou sorprendido? Moito. E feliz tamén. Seguro que llo conto a outras persoas".

Comentarios