O parque eólico Sotavento pecha 2016 con máis de 8.600 visitantes

O calendario de reservas de actividades para este ano está completo e con lista de espera
Sotavento organizou unha xornada divulgativa experimental na escola infantil de Vilalba en 2016
photo_camera Sotavento organizou unha xornada divulgativa experimental na escola infantil de Vilalba en 2016

O parque eólico experimental Sotavento de Xermade recibiu ao longo do pasado ano máis de 8.600 visitantes, repartidos en 300 visitas concertadas, unha cifra que se mantén na liña dos últimos anos.

O interese por coñecer o parque «confirma o éxito do proxecto e o importante labor educativo levado a cabo en materia de enerxías renovables, aforro e eficiencia enerxética», apuntan dende Sotavento, que recibía en 2016 o premio á Mejor Acción Divulgativa de Eficiencia Energética, concedido pola Asociación de Empresas de Eficiencia Energética.

De feito, para 2017 o parque xa ten o calendario de reservas para actividades completo e unha lista de espera de 2.500 persoas. Os seus responsables precisan que se lles «ofrece aos visitantes que non forman parte de grupos organizados os festivos e as fins de semana para que poidan coñecer as instalacións, baixo reserva previa».

Ademais das visitas, en 2016 Sotavento sumouse á primeira Feira da Enerxía de Galicia en Silleda, con actividades para sensibilizar sobre as renovables e o aforro enerxético, nas que participaron máis de 5.500 persoas. Tamén colaborou no proxecto Satma, unha ferramenta de formación online para técnicos de mantemento de xeradores; desenvolveu por segundo ano actividades online no parque a través de Skype, e programou xornadas experimentais sobre enerxía e eficiencia enerxética en centros de educación infantil de Vilalba.

A Fundación Sotavento Galicia foi a encargada de pór en marcha a campaña Dálle Luz á túa Factura, impulsada polo Inega e o Instituto Galego de Consumo, co fin de informar sobre o recibo eléctrico e as posibilidades de aforro no consumo. Xa visitou 74 concellos e terá continuidade este ano.

Comentarios