Tres séculos con moito espírito

Lareira de Soños homenaxeou ás mulleres rurais a través de Asunción Lobeiras, de 100 anos ? Inés García, de Abadín, e Mercedes Castro, de Parga, celebraron o seu centenario

«Non coñezo a Asunción, pero coñézoa perfectamente, é unha muller que traballou de sol a sol e que nunca se queixou». Así definía a cantante María Xosé Silvar, Sés, no acto de entrega do Trapeira de Honra, a Asunción Lobeiras, unha vilarega centenaria á que a súa saúde lle impediu estar presente nunha emotiva homenaxe promovida pola asociación Lareira de Soños e protagonizada polas mulleres rurais.

A Casa Habanera de Guitiriz encheuse para oír a Sés dicir que para ela era unha «honra» estar nun acto así, rendendo tributo á «fortaleza no anonimato, especialmente cando naces como muller», dixo, aproveitando para lembrar a súa nai, «á que nunca vin parada».

A cantautora foi a encargada de entregarlle un recordo á familia de Asunción Lobeiras deste día de homenaxe. E a súa neta, Belén Iglesias, resumiu o sentir de toda a súa agradecida familia: «Estamos orgullosos dela, meréceo moitítismo, como moitas outras».

Tamén tivo palabras para a súa nai, falecida fai só uns meses, Tereixa Novo, de Fuxan os Ventos, quen avogou por un «esperanzador» futuro para as mulleres, «grazas en parte a mulleres coma á que hoxe homenaxeamos ou coma miña nai, mulleres que viviron toda unha vida dedicada aos demais, que son de todos menos delas mesmas, así son as mulleres deste país, as matriarcas».

Ás súas voces sumáronse as de Arantxa Álvarez, unha vilarega da orquestra Los Satélites, para quen as persoas como Asunción son «un exemplo de vida a seguir»; e as de Luz Campello, Fátima Fernández e Mar Beres -compoñentes da agrupación Nova Poesía Guitirica-, que se expresaron a través dos seus versos.

Tamén participou neste acto, presentado por Pas Beres, a cantautora Sandra Tenreiro, nun emotivo concerto que culminou a homenaxe a unha «filla, nai e muller valente», ao que se sumou tamén Sés.

O tributo personificouse en Asunción dos Ares, pero nel ían incluídas todas as avoas que se poden identificar con ela, como por exemplo dúas veciñas de Parga e de Abadín que acaban de entrar no selecto club das centenarias.

CELEBRACIÓNS. Mercedes Castro Sanmiguel, natural da parroquia guitiricense de Trasparga, celebraba na súa casa da Pobra de Parga os seus cen anos de vida, rodeada de toda a familia e coa visita da alcaldesa, Regina Polín, e da tenente de alcalde, Laura Ageitos, que a agasallaron cun ramo de rosas, un diploma e a insignia do Concello de Guitiriz.

Casada con Francisco Bergantiños, ‘O Barbeiro’, Mercedes criou dúas fillas, Fina e Marisol, e agora pode presumir dos seus cinco netos e dos seus catro bisnetos, cun quinto en camiño para ampliar a familia.

Tamén rodeada de tódolos seus celebrou o seu século de vida Inés García García, da parroquia de Vilarente, en Abadín, onde desenvolveu toda a súa vida.

Con tres fillos, dez netos e 13 bisnetos, a centenaria desfrutou de tódolos seus familiares no seu día nunha comida na que se reuniron un total de 35 persoas. «Toda a familia», dicían orgullosos na celebración dunha efeméride moi especial. «A ver quen chega a eles», comentaban entre sorrisos.

Houbo tarta personalizada, con foto da homenaxeada, e flores de agasallo, ademais de música de gaita dos máis pequenos, que puxeron a banda sonora. Tamén lle entregaron un ramo dende o Concello, nunha visita que realizaron o rexedor de Abadín, José María López Rancaño, e a traballadora social, Cristina Pardo, que ademais lle regalaron unha placa conmemorativa.

Comentarios