Carretilla de Entroido

A comisión de festas de Castro de Rei recada fondos para organizar as patronais de San Xoán co sorteo dunha orixinal cesta con produtos típicos do Carnaval, valorada en 100 euros
Abelardo e José Luis, coa carretilla
photo_camera Abelardo e José Luis, coa carretilla

Hai cestas grandes e pequenas, con varios pisos ou con distintas formas, e logo está a que sortea a comisión de festas de Castro de Rei polo Entroido, que é, literalmente, unha carretilla. José Luis Castro Tellado e Abelardo Fernández son os ramistas que idearon esta orixinal proposta, pensada para diferenciarse do resto dos sorteos que se celebran nestas datas e presentada oficialmente en sociedade este domingo na feira de Castro de Rei.

Un par de butelos, chourizos, unha cachola, un lacón, garavanzos, patacas, nabizas e dúas botellas de viño, xunto á citada carretilla, compoñen esta particular cesta, valorada nuns 100 euros e que conta con todos os ingredientes necesarios para preparar un bo cocido. Quen queira facerse con este suculento botín, e co vehículo de propina, só ten que probar sorte mercando, polo menos, unha das rifas postas á venda pola comisión de festas, a un prezo único de 2,5 euros e que se poden adquirir na feira ou nos distintos establecementos comerciais da localidade.

As patronais de San Xoán serán no campo da feira o segundo fin de semana de xullo, cunha churrascada gratuíta o venres

O agraciado coñecerase o vindeiro 5 de marzo, no sorteo que se celebrará en directo na feira dominical. A primeira papeleta extraerase ás 13.00 horas e, de non aparecer a rifa premiada, seguirase sorteando ata que toque. Só se poderá obter a carretilla de Entroido se se presenta a gañadora nese momento na feira.

Aínda que esta é sen dúbida a proposta máis chamativa, non é a única dos ramistas para recadar fondos, xa que tamén fixeron lotaría de Nadal e de Reis e contan con deseñar camisetas. Ao recadado por esta vía sumarán o que obteñan do campo, a axuda do Concello de Castro de Rei e as cotas de veciños e negocios e outras posibles colaboracións para acadar un orzamento duns 16.000 euros.

A festa de San Xoán, como é costume, celebrarase o segundo fin de semana de xullo (días 8 e 9). José Luis e Abelardo están barallando opcións para definir un programa no que contan con ter unha churrascada gratuíta o venres á noite -tense feito outros anos, pero non promovida pola comisión-, misa os dous días -o domingo no propio campo da feira-, animación polo día e varias orquestras.

Comentarios