de actualidad
Úrsula Corberó Úrsula Corberó
► JAVIER NOGUEIRA 
Votacion: 
No hay votos
0

Obscenidade

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Os amantes da arte levamos décadas con serios problemas para saber onde están os seus límites en canto se refire aos fluídos corporais e as sensacións que os orixinan. O retrete de Duchamp é quizais o exemplo icónico de peza artística suxeita a múltiples interpretacións. Pasado case un século, a miña é que mellor que o bo de Marcel lle tivese dado ao escusado outro uso. O propio, por exemplo.

Pero un xuízo tan contundente como o que veño de facer exponme ao terríbel azoute dos meus propios valores. Eu tracei unha liña na que un retrete non é arte. Por que esa liña é máis lexítima ca do meu veciño? E en que posición me deixa ante os que censuran abertamente calquera obscenidade aínda que forme parte dunha valiosa obra de arte?

Estas preguntas tiveron unha importancia fundamental na traxectoria dunha das miñas obras literarias preferidas, o Ulises de James Joyce —pronúnciese Yulaisis se anda un en conversa pedante con outro intelectual, con toque irlandés—, analizada por Kevin Birmingham no seu excelente El libro más peligroso. James Joyce y la batalla por el Ulises. Publica Es Pop Ediciones, un selo novo e ousado, e a tradución é, por certo, excepcional.

No fondo o libro de Birmingham é un convite a ler o Ulises e unha especie de guía de lectura


Case que todos os grandes libros teñen grandes historias detrás. De feito, coa promoción axeitada, sería bastante posíbel que se lese máis a Birmingham que a Joyce durante certo período de tempo. De todos son sabidas as dificultades que presenta esa épica da contemporaneidade que narra o 16 de xuño de 1904 de Stephen Dedalus e Leopold Bloom por Dublín adiante.

O relato de Birmingham engarza á perfección dous fíos principais: o da escritura de James Joyce, fortemente unida á súa peripecia persoal, e o da publicación progresiva da novela. En canto ao primeiro pouco pode aportar ao descrito por Richard Ellmann, cuxa biografía do autor irlandés aparece normalmente entre as mellores escritas nunca sobre calquera personaxe, do mundo das letras ou de fóra.

Onde máis loce Birmingham é na segunda trama, mergullándose no pasado das diferentes persoas que entraron en contacto con Ulises, o que serve para explicar como chegaron ata el. É a loita da vangarda contra a tradición, da liberdade sexual contra as ligas de prevención do vicio, do idealismo do artista contra o pragmatismo do avogado defensor da obra, do radicalismo de principio do século contra as correntes ideolóxicas conservadoras que derivarían no fascismo. 

E é que arredor da monumental novela xuntáronse personaxes fundamentais para a arte do século XX. Para comezar e obviamente o mesmo Joyce, ao que vemos no seu lado máis humano: terribelmente enfermo da vista, bebedor case compulsivo, amante da sexual e paciente Nora Barnacle. Para seguir o poeta estadounidense Ezra Pound, o avogado liberal John Quinn, a sempre escéptica Virginia Woolf, a mecenas Harriet Weaver... E tamén antagonistas como Anthony Comstock e John Sumner, que en nome da pureza censuraron e chegaron a queimar a mellor novela do século XX.

No fondo o libro de Birmingham é un convite a ler o Ulises e unha especie de guía de lectura, sempre imprescindíbel dado que aínda está por saír en español unha edición que ofreza un mínimo acompañamento de notas necesarias para achegala ao lector profano —que neste caso, somos na práctica todos—. E na superficie un relato dunha lectura intensa e agradábel que amosa as feblezas do artista e fai pensar nos límites da obra de arte cando o sexo —a mal chamada obscenidade— está por medio.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.