Touriñán: "Chamei por entradas para o meu show en Lugo e non quedaban"

O cómico fai hoxe o monólogo de Manolo Lojo, no que falará "da familia Real no que vos toca"
Xosé A. Touriñán
photo_camera Xosé A. Touriñán

O humorista Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) sabía hai tres días que era un dos poucos artistas capaces de vender as 867 butacas dispoñibles no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, onde representa ás 21.00 horas Manolo Lojo, todo pode ir a peor.   

"Chamei para reservar unhas entradas para uns amigos e dixéronme que non quedaban", comenta, aínda sorprendido. "Disque, nos últimos tempos, soamente se encheu en catro ocasións", revela, antes de atribuír o mérito aos organizadores, a Asociación Juvenil Sagrado Corazón "que se moveron moi ben".

O cómico incide na súa fascinación porque o ano pasado representou a obra teatral Amigos ata a morte "e estaba bastante cheo, pero non tanto". Esta peza, na que o acompañan Ledicia Sola e David Amor, volverá a Vilalba o 31 do mes que entra e a Lugo, o 21 de abril.

PERDEDORES. Touriñán creara o monólogo de Manolo Lojo "hai doce ou trece anos, cando estaba traballando con Marcos Pereiro e probei sorte en solitario".

"Hai tres ou catro anos recupereino porque me gustan os perdedores, dado que me permiten facer crítica aos triunfadores, aos que se sinten superiores", sinala o cómico.

O espectáculo "conta a vida de Manolo Lojo, que vai de fracaso en fracaso no amor e no traballo" cun humor que "é o mesmo que hai dez anos, aínda que ten actualizacións". A parte nova do texto ten que ver, por exemplo, cos últimos acontecementos relacionados coa monarquía. "Falarei da Familia Real no que toca aos de Lugo, sobre ese Froilán que é un cañeiro", adianta.

Outros cambios, que fai dun espectáculo a outro, son as improvisacións, "que partirán do que aconteza no Auditorio, dun que se ría ou doutro que vai ao baño".

Comentarios