Treboada leva a tradición dos cantos de taberna a Rábade por segundo ano

Esta proposta, que cambia de data ao desvincularse das festas patronais, celebrarase o día 18 e rematará cunha foliada. Xa está confirmada a presenza de sete formacións musicais

A asociación cultural xuvenil Treboada levará o día 18 a Rábade, por segundo ano consecutivo, a tradición dos cantos de taberna. Sete grupos de distintos concellos xa confirmaron a súa presenza nesta cita, que gozou de moi boa acollida na súa estrea en 2016, e os organizadores esperan aínda máis inscricións nos próximos días.

Segundo lembra María Fontao, presidenta do colectivo rabadense, este ano os Cantos de Taberna cambian de data, xa que no 2016 formaron parte da programación das festas de San Vicenzo, en xaneiro. Explica que se tomou esa decisión "porque nas patronais xa hai máis actividades, e así haberá outra fin de semana con animación en Rábade".

Esta proposta, que apoian o Concello e a asociación de negocios hostaleiros e de alimentación de Rábade, desenvolverase en 14 bares



Avanza que o sábado 18 os grupos comezarán a tocar ás seis e media da tarde e durante varias horas sucederanse as súas actuacións por 14 bares. Así, os cantos de taberna soarán nos locais Papyrus, Coyote, Mozart, Morsa, Ágora, Centro, A Feira, Os Castros, Beethoven, Burguer, Brétema, Cruz, Arcos e A Cantina. Ás once da noite, e logo de servirse uns pinchos para os músicos, empezará unha foliada aberta a todos os que se animen a sumarse.

Para desenvolver estes II Cantos de Taberna, Treboada conta coa colaboración do Concello e da asociación de negocios hostaleiros e de alimentación de Rábade.

Os grupos que xa confirmaron a súa presenza son Gaia Pandereteiras (Castro de Rei), Os Xílgaros de Lugo, Foliada de Bosende (Lugo), Penas de Rodas (Outeiro de Rei), Foliadeiros do Castro (Begonte), Son de Cores (Becerreá) e Os Trece de Lugo. As formacións que desexen sumarse poden apuntarse no correo [email protected] ou no teléfono 615.15.05.21.

ANO E MEDIO DE VIDA. Treboada é un grupo que botou a andar hai ano e medio e que forman sete rapaces de entre dez e 23 anos, unidos pola súa paixón pola música tradicional. Os seus integrantes son de Rábade, Begonte e Castro de Rei e propóñense compaxinar as súas actuacións —a próxima é o día 11 no Castro (Begonte)— co impulso de propostas como os Cantos de Taberna de Rábade.

Comentarios