A Chunga da Ora de Lugo, das táboas ao papel

A compañía de teatro luguesa compila nun libro para a editorial Laiovento catorce das pezas dramáticas que leva representado ►O "humor amurallado", a posibilidade de "probar cousas" e vencer os tempos de precariedade conflúen nos textos do grupo
Os integrantes de Microefectos Dramatúrxicos
photo_camera Os integrantes de Microefectos Dramatúrxicos

Microefectos Dramatúrxicos anima o panorama cultural lucense cos seus pases mensuais no club Clavicémbalo. Logo de catro anos de representacións e máis dun cento de pezas, a compañía vén de compilar catorce textos nun volume para a editorial Laiovento que este mércores foi presentado no Gato Neghro e que este venres desembarca na libraría Trama (ás 20.00 h.).

Grazas a esta escolma, algúns dos textos máis exitosos dos primeiros tempos de rodaxe de Microefectos chegan ao negro sobre branco. Non podían faltar na compilación personaxes con tanto tirón como a Chunga da Ora, unha das máis celebradas polo público lugués.

Son oito os autores que asinan as obras de teatro dispostas para a lectura: Rubén Pérez Pombo, Isa Herrero, Pepe Saavedra, Elvira Velasco, Brian Rodríguez, María Grandío, Conchi Madrina e Anxo Manoel Lamelo. É este último quen conta que a súa idea é observar como funciona este primeiro volume para ver se deciden publicar máis adiante outros textos de Microefectos.

"Cada un de nós escribimos individualmente, pero sucede que ás veces chegamos con tres bosquexos de textos que xiran arredor da mesma idea, e iso é porque nos baseamos na actualidade".

Lamelo engade que a idea de publicar un libro non só responde ao propósito de darlles munición aos lectores de textos dramáticos, senón tamén á posibilidade de achegarlles material a outras compañías. "Os nosos adoitan ser textos para entre dous e catro actores que tanto poden representar os alumnos dun instituto de Mondoñedo como unha compañía de Forcarei".

O microteatro, explica este integrante de Microefectos, é un formato moi acaído para os tempos "de precariedade", xa que as pezas de 15 minutos de duración, pensadas para espazos pequenos, son máis doadas de montar en canto a número de actores e escenografía. Do mesmo xeito, apunta este actor e dramaturgo, este formato resulta "ideal" para "probar cousas" e para que os danos colateriais do ensaio/erro resulten menos onerosos para as compañías.

O terceiro ingrediente principal da receita de Microefectos Dramatúrxicos reside no lucensismo, nunha sorte de "humor amurallado" que ten agromado duns anos a esta parte grazas á acción desta compañía e do mologuista Lois Pérez quen, asemade, lles ten prestado pezas aos Microefectos.

"Nós falamos de humor amurallado porque a muralla semella pecharnos aos lugueses. Gústanos que a xente se vexa reflectida no que facemos e rirse dun mesmo, xa sexa individualmente ou en comunidade, é unha introspección humorística fundamental que espertou en Lugo neste tempo".

Comentarios