Olga Osorio foi premiada nun festival mundial de cine e ciencia

A lucense logrou un novo galardón para 'Einstein-Rosen', no certame do CERN suízo
Olga Osorio
photo_camera Olga Osorio

SANTIAGO. A curtametraxe galega Einstein-Rosen recibiu o premio á mellor curtametraxe no CineGlobe, o festival de cinema e ciencia do CERN.

A curtametraxe, rodada no Barrio das Flores da Coruña e dirixida pola lucense Olga Osorio -foi feita cun equipo cento por cento galego-, recibiu o pasado sábado o principal galardón do festival suízo, no que competían 92 curtametraxes de todo o mundo.

A curtametraxe alzouse co premio principal do festival, no que tamén se concederon galardóns a mellor documental, mellor curtametraxe dun minuto e premios do público.

Einstein-Rosen ambiéntase no ano 1982 e conta a historia de dous irmáns, o máis pequeno dos cale atopa un buraco de verme.

A xuízo do xurado, a curta encarna o espírito do festival, que hai dez anos celebra o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) de Suíza.

Os novos protagonistas da curtametraxe son Teo e Óscar Galiñanes, que comparten cartel con Ricardo de Barreiro e Xúlio Abonjo. A curto é unha produción de Miss Movies (Juan Galiñanes e Olga Osorio).

MESTRE MATEO. Con todo, este non é o primeiro premio que recibe a curta, que foi galardoada co Mestre Mateo á mellor curtametraxe; co premio á mellor comedia de ciencia ficción no Boston SciFi Filme Festival, e co premio do xurado á mellor curtametraxe no Bram! de Castellar do Vallés.

Tamén gañou o Premio Fanecas no PequeFilms; o premio á mellor curta galega en Curtas Filme Fest; o galardón do público e do xurado no FKM da Coruña; mellor curta en Con Otra Mirada de Gijón; e mención especial aos mellores actores para Oscar e Teo Galiñanes na Mostra de Curtas de Noia.