Unha exposición no museo Thyssen poralle fin ao ano dedicado a Maruja Mallo

A mostra terá lugar na Sala de los Balcones de xaneiro a marzo de 2018. O Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo Provincial de Lugo preparan tamén actividades arredor dela
A mostra de Maruja Mallo no Museo de Pontevedra
photo_camera A mostra de Maruja Mallo no Museo de Pontevedra

Viveiro foi unha das primeiras paradas á que seguirán moitas outras actividades ao longo da terra galega, que "darán pé a entender e difundir a herdanza que nos deixou" Maruja Mallo. Como remate do ano dedicado á artista e para darlle difusión estatal a súa figura, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, anunciou onte na cidade do Landro que se realizará unha exposición "de cámara" no Museo Thyssen Bornemisza de Madrid, na Sala de los Balcones entre os meses de xaneiro e marzo do 2018.

O programa de actividades arredor da figura de Mallo arrancou onte en Viveiro e continuará durante os vindeiros meses con actividades programadas en espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago e o Museo Provincial de Lugo.

Pola súa banda, o CGAC ten previsto abrir ao público entre os meses de abril e maio unha mostra centrada na artista que estreara as instalacións do espazo autonómico de arte en Bonaval en 1993. Desta volta, a exposición sobre Maruja Mallo incluirá litografías, textos e imaxes que pertencen á súa colección e estará complementada cun punto de documentación específico sobre a xenial creadora de Viveiro na biblioteca do CGAC.

No que atinxe ao Museo Provincial de Lugo, a galería que depende da Deputación luguesa sitúa no mes de xuño a inauguración da mostra que lle dedicará a unha das máis dotadas artistas nacidas na provincia. Terán gran protagonismo as sete pezas que ten o Museo nos seus fondos, entre as que destacan Guía postal de Lugo.

A maiores da mostra de Lugo, desde a Deputación informaron da inminente posta en marcha dun proxecto colectivo entre artistas da Mariña que poderá visitarse no Concello de Viveiro, así como a edición dun volume para que os alumnos de Secundaria dos centros de toda a provincia coñezan o legado desta artista. Esta publicación contará con ilustracións de historias de ficción con fundamentos didácticos para impulsar o coñecemento da obra da artista viveiresa.

Asemade, o organismo provincial vén de clausurar o Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que tivo lugar no Museo do Mar de San Cibrao, cunha xornada dedicada a Maruja Mallo contando coa intervención de figuras destacadas como Victoria Carballo Calero, académica de Belas Artes coa que a Deputación colaborará publicando un libro sobre a pintora lucense.

Ademais, co obxectivo de difundir o traballo pictórico realizado pola viveiresa, o organismo provincial planificou unha visita ao centro Regal Xunqueira, enmarcada nos roteiros aos obradoiros da provincia, para que os participantes puidesen ver a mostra Mallo en marzo que conta con obras de Maruja Mallo e que permanecerá exposta ata o 12 de xuño.

O programa de actividades arredor da figura de Maruja Mallo tivo onte outro dos seus epicentros na ría de Pontevedra. Dunha banda, a xenial creadora surrealista foi protagonista no Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra, que abriu hoxe unha exposición -que inclúe un programa de visitas guiadas- na que sobresae unha das pezas máis célebres de Mallo, o seu retrato ao óleo Cabeza de negra.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil da capital do Lérez foi outro dos espazos que onte lle deu protagonismo a Maruja Mallo, que inspira o libro para nenos Meiga nova (Lela Edicións), que foi dado a coñecer polos seus autores, Enrique Mauricio e Carlos Taboada.

O terceiro dos escenarios que lembrou onte nas Rías Baixas a Mallo foi a Casa do Pobo de Beluso, unha parroquia do municipio morracés de Bueu onde a pintora de Viveiro pasou uns días de 1937, na compaña de amigos como Johan Carballeira, antes de se exiliar a Arxentina. En Beluso comezou esta creadora de vangarda os bosquexos do que sería o seu Caderno de Galicia.

Comentarios