Valeriano Martínez: "A política fiscal é unha póla máis do que hai que facer no rural"

O máximo responsable das arcas autonómicas distingue entre o rural extremo, "o verdadeiro", e o que ten "matices"
Valeriano Martínez
photo_camera Valeriano Martínez

Valeriano Martínez (Aldán, 1961) foi nomeado en 2015 conselleiro de Facenda, órgano no que xa obtivera praza de funcionario hai máis de 30 anos. Pode dicirse que no Goberno autonómico é un dos veteranos. Entre outras moitas ocupacións, encargouse da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta, da Dirección Xeral de Transporte e mesmo da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Ademais, foi auditor do Consello de Contas de Galicia. Esta semana estivo en Bora, explicando aos veciños o plan de rebaixas fiscais que puxo en marcha a Consellería para impulsar a repoboación das zonas máis deshabitadas.

A proposta elimina os impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos na compra de vivendas habituais no rural. Cando será efectivo este plan de incentivos?
A partir do 2009, cando entramos no Goberno na Xunta, había rebaixas puntuais. Cando comezou a mudar a situación económica, na segunda metade do 2014, empezamos a desenvolver outras medidas, como a reforma do imposto de sucesións ou o IRPF. No ámbito rural, a partir do 1 de xaneiro de 2016 e dentro do ‘Plan de Impostos Cero no Rural’, impulsamos a filosofía de ‘vivir do rural’, con incentivos para a compra de terras e a ampliación das explotacións gandeiras. Agora, coa nova lexislatura, desenvolvemos medidas para ‘vivir no rural’. A forma de empezar é con axudas para a vivenda habitual destinadas a mozos con menos de 36 anos, familias numerosas con tres ou máis fillos e persoas con discapacidade. Afecta aos impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos. Se, por exemplo, un mozo quere mercar unha vivenda en Alba valorada en 100.000 euros, ata agora pagaba 4.500 en concepto de impostos e , se tiña que facer hipoteca, a parte correspondente polos actos xurídicos. Con esta medida, pagará cero euros.

E xa é efectiva?
Si. No mes de febreiro sacamos a orde e xa é efectiva en toda Galicia. Afecta ao 94% das parroquias galegas, unhas 3.500, das que preto de 500 están na provincia de Pontevedra. A clasificación foi establecida en base á normativa europea. O que quedan excluídos son os núcleos urbanos.

Cales son os obxectivos da reforma fiscal?
Promovemos isto para que a xente se asente no rural, pero tamén para que se recupere o patrimonio, porque hai moitas casas que non están habitadas. Isto tamén significa actividade económica, porque moitas delas necesitarán unha reforma. A Xunta deixará de ingresar cartos por esta vía, pero recibiranse por outra parte, o que se chama política fiscal activa.


Obxectivos
"Promovemos isto para que a xente se asente no rural, pero tamén para que se recupere o patrimonio"

Tendencia
"A concentración (de parroquias e concellos) é unha liña mestra innegable, que xa se está producindo"


É difícil facer prognósticos da demanda que vai espertar o plan de incentivos, pero tense calculado canto pode deixar de ingresar a Xunta por estas rebaixas fiscais?
Os ingresos por estas figuras caeron moito coa crise. Co nivel actual de actividade, calculamos que deixaremos de ingresar uns dous millóns de euros, aínda que agardamos que sexa máis; sería bo sinal.

O obxectivo último é vivir no rural, pero é suficiente incentivo eliminar impostos?
A política fiscal é unha póla máis do que hai que facer no rural. O gran bloque de axudas está contemplado dentro do Plan de Desenvolvemento do Rural, que basicamente son fondos europeos que completamos con fondos propios e que creo recordar que se aproxima aos 1.000 millóns de euros. O obxectivo final deste plan é dinamizar o rural a través de novas explotacións, da incorporación de mozos ao rural, de actuacións de mellora ou dos grupos de desenvolvemento local, que fan múltiples accións tratando de que a xente poida vivir no rural en igualdade de condicións que na cidade. Coa política fiscal o que pretendemos é que por pagar impostos a xente non deixe de vivir do rural ou no rural.

O ano pasado aprobáronse medidas fiscais para favorecer o sector gandeiro e agrícola. Está sobre a mesa a posibilidade de impulsar novas propostas para promover fiscalmente a creación de traballo no rural?
Están contempladas moitas cuestións neste eido. Aínda no Consello da Xunta desta semana abordáronse propostas e axudas da orde de 40.000 euros por persoa para que a xente vaia vivir no rural. Creo que o que temos que facer é tratar de chegar á xente a través dos grupos de desenvolvemento local, para que as persoas sexan coñecedoras do que hai. Creo que xa son bastante conscientes, pero nunca debemos despistarnos, porque sempre queda algo por facer.

Como pontevedrés, que diagnóstico realiza da situación do rural?
Este é un rural moi especial. En Galicia temos dous tipos: o rural extremo, que é o verdadeiro, e o rural con matices, porque estar a catro ou cinco quilómetros de Pontevedra non deixa de ser un xeito de vivir facilmente no rural. Con todo, está sen explotar unha parte importante do rural e non hai máis que dar unha volta por aquí (en alusión á contorna de Pontevedra) para ver que temos un patrimonio que sería moi doado de recuperar, non só para vivenda.

O plan de rebaixas fiscais para compra de vivenda beneficia ao 94% das parroquias galegas. Todas están clasificadas como Zonas Pouco Poboadas e cada ano medran as aldeas que van quedando deshabitadas. Está a estrutura territorial da comunidade galega condenada a tender á concentración?
A concentración é unha liña mestra innegable, que xa se está producindo. Porén, non ten que significar o abandono total de determinadas cuestións como a actividade gandeira ou forestal. A verdadeira revolución virá na medida en que unha persoa que viva no rural, nun concello como Cotobade, poida vivir cun nivel de dignidade e de normalidade económica e ter uns servizos nun contorno urbano. Sería óptimo e creo que os tiros van por aí.

As axudas van dirixidas a menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade. Por que eses perfís?
Son colectivos moi sensibles que xa estaban bonificados polos programas anteriores. As persoas con discapacidade merecen axuda por parte da Administración, así como as familias numerosas. O custe inherente de ter tres fillos non é o mesmo que o de ter un e, ademais, en Galicia temos un problema demográfico, polo que debemos adoptar múltiples medidas para tratar de mudar esa tendencia tan nefasta que temos. Á parte, teremos futuro na medida en que teñamos mozos e mozas que se incorporen ao ámbito rural, de aí a importancia de que tamén se teña en conta.

Comentarios