de actualidad
Neymar Jr. Neymar
 
Votacion: 
5 (1 voto)
Cultura 0

Viveiro réndese a Maruja Mallo

O acto do Día das Artes Galegas permitiulles aos viveireses coñecer a fondo a súa artista máis universal, a quen os académicos definen como unha creadora vangardista, brillante e exótica

Rodríguez, Quintana Martelo, Campos, Rodríguez, Loureiro e Pernas, cos detalles de Regal Cerámica. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

Rodríguez, Quintana Martelo, Campos, Rodríguez, Loureiro e Pernas, cos detalles de Regal Cerámica. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

O pobo de Viveiro puido coñecer este sábado a apaixoante figura persoal e creativa de Maruja Mallo no Día das Artes Galegas, adicado a ela, nun acto organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes no teatro Pastor Díaz. A académica Asunta Rodríguez foi a encargada de profundar na vida e obra da pintora, a quen cualifica de "exótica" e define como "unha muller e unha artista sen prexuízos, unha creadora brillante e rebelde dotada de gran talento, cunha sólida formación intelectual, opinión e criterio propios".

A xuízo de Rodríguez, Maruja Mallo é "unha das fundadoras da vangarda histórica", a "única" muller da súa xeración cuxo nome non se silenciou tralo desastre da Guerra e o exilio, pois xa antes acadara un recoñecemento público e notorio. Porén, "os xigantes da Xeración do 27 consideraban a modernidade un proxecto masculino", sinalou a académica, e "non tomaban moi en serio" a Mallo polo feito de ser muller. "Chamábanlle 'mociña moderna'. Nunca falan dela como potencia artística e explican o seu achegamento á arte como algo simplemente intuitivo, imaxinativo, produto da histeria ou da loucura", engade.

Asunta Rodríguez, académica: "Maruja Mallo e Dalí eran almas xemelgas. Compartían un espírito indómito, carnavalesco e frívolo ante a arte e a vida" 



Maruja Mallo era unha muller moi adiantada ao seu tempo e "exótica exhibindo a súa rareza". Camiñaba de noite a altas horas, levaba faldas curtas, peiteábase ao 'garçon', maquillábase de forma extravagante e tiña "unha lingua lendaria e un sentido do humor mordaz e feridor", describe Asunta Rodríguez. A súa rareza encaixou á perfección con Salvador Dalí: "Un fenómeno de combustión espontánea sucede cando se coñecen. Eran almas xemelgas que compartían un espírito indómito, frívolo e carnavalesco fronte á arte e ante a vida", relata.

No ámbito creativo, "xamais pertenceu a ningunha escola nin quixo ser adscrita a ningún movemento organizado". Mallo deixa unha obra "brillante porque nela deixou o mellor de si mesma", opina Rodríguez, que repasou a evolución artística da pintora a través das obras La mujer de la cabra, Verbenas, La mujer en bicicleta, La sorpresa del trigo, Arquitectura humana e La religión del trabajo.

Tamén interviron o presidente da Academia, Manuel Quintana; a alcaldesa, María Loureiro; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación, Darío Campos, coa presentación do escritor Ramón Pernas e a actuación de SondeNós.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura: "Tiña unhas ideas moi avanzadas para o seu tempo. Era independente, libre, comprometida coa arte e sobre todo valente"

Román Rodríguez sinalou que Viveiro foi "a capital da cultura e das artes de Galicia" para honrar a Mallo, "unha artista tremendamente relevante" da que destaca que tiña "un enorme carisma, un carácter volcánico e unhas ideas moi avanzadas para o seu tempo. Era independente, libre, creadora, comprometida coa arte e sobre todo unha persoa moi valente", sinalou. O conselleiro engadiu que, coa súa actitude ante a vida, Maruja Mallo "abriu camiños dos que hoxe se beneficia a sociedade, porque en certa medida cimentou as bases da muller moderna".

A alcaldesa -que lles entregou aos intervintes detalles de Regal Cerámica- lembrou que Maruja Mallo desenvolveu outras facetas creativas "como a escenografía, a ilustración ou a cerámica", e ademais "exerceu como docente, impartiu conferencias, participou en tertulias e relacionouse cos nomes máis importantes da época". Loureiro lembrou que o Concello lle ten adicada unha rúa e un roteiro polo Día da Muller e dixo que en Viveiro todos se senten "orgullosos de que un 5 de xaneiro de 1902 nunha casa da rúa de Arriba nacera unha nena que forma parte coas letras ben grandes da historia da arte".

Darío Campos Presidente da Deputación: "Foi un exemplo de valentía e de defensa dos dereitos das mulleres nunha época de prohibicións e represión"


Darío Campos falou de Mallo como "un exemplo de valentía e defensa dos dereitos das mulleres nunha época de prohibicións e represión. Pioneira dunha forma de entender a vida e a arte, esta muller foi un exemplo a seguir", sinalou, e recordou que a Deputación "axudou a artista na súa formación", xa que foi bolseira da institución provincial "durante tres anos", dende 1922. Por esta relación, a Rede Museística "acolle varios dos seus traballos".

Pola súa banda, Manuel Quinana Martelo recoñeceu a "valía e repercusión nacional e internacional da arte" de Maruja Mallo.

A Real Academia celebrou onte pola tarde unha asemblea en Viveiro e ten aberto este mes o prazo para recibir propostas de cara a designar o homenaxeado no Día das Artes Galegas de 2018.

 

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.