Un cento de meniños moi madrugadores

Oito colexios ofrecen actividades ou almorzos antes de iniciarse as clases co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar

A conciliación da vida laboral e familiar segue a ser unha das grandes materias pendentes. Queda moito camiño por andar pero, sen dúbida, no capítulo dos chanzos subidos figuran os programas Madrugadores ou Almorzos no Cole, propostas que permiten que uns 110 alumnos de oito centros educativos da Chaira e das Pontes poidan ir antes da hora de inicio das clases.

A primeira experiencia destas características posta en marcha na comarca foi a de Guitiriz, promovida directamente dende o Concello dende o ano 2006 e que actualmente se financia a través do Fondo Social de Promoción de Igualdade, incluíndoa na iniciativa Guitiriz Concilia H2O.

O programa Madrugadores impulsouse nos dous colexios do municipio, Santo Estevo de Parga e Lagostelle, pero só se mantén neste último, con 23 nenos inscritos este curso, dos que asisten a diario entre dez e doce.

Dá comezo as 8.00 e prolóngase ata as 9.30, hora de inicio das clases, e durante esa hora e media, ademais de poder almorzar -deben traer a comida da casa- os participantes realizan distintas actividades, que van dende xogos a exercicios de psicomotricidade, pasando por traballos específicos, coma por exemplo un feito este curso sobre a terceira idade, «para valorar a importancia dos maiores», explica dende o servizo de educación familiar municipal, que coordina o programa.

O Lagostelle de Guitiriz, o Veleiro Docampo de Castro e os ponteses A Magdalena e A Fraga levan anos buscando a conciliación

No Ceip Veleiro Docampo de Castro, este é xa o cuarto curso no que funciona o Madrugadores, cun horario que se foi adaptando ás necesidades dos pais ata o actual, de 7.45 a 9.15. Conta cunha vintena de nenos inscritos e dous monitores de Deportes A Chaira encárganse do seu coidado, danlles o almorzo que facilita cada familia e fan diversos xogos.

Esta iniciativa finánciase cunha axuda de Igualdade da Xunta e con achegas das familias. A Anpa é a que se encarga de coordinar o servizo, aínda que o seu desexo é que, co tempo, sexa o Concello de Castro de Rei o que asuma a xestión.

E dos veteranos aos debutantes, pois tanto en Begonte como en Vilalba o Madrugadores comezou a funcionar este ano de xeito experimental. No Ceip Virxe do Corpiño begontés, un grupo de pais, ante a demanda existente e co obxectivo de incrementar servizos e tentar atraer máis matrículas, decidiron crear o servizo, que se custea grazas ás achegas das familias e a unha axuda municipal.

A proposta, operativa de 8.30 a 10.30 e na que veñen participando uns catro nenos a diario, é moi flexible, podendo ir esporadicamente ou todos os días, e trata de ser un apoio na formación dos pequenos. «Buscamos educar xogando e que as emocións sexan parte da aprendizaxe», din dende Eolo Galicia, a empresa que se encarga de coordinar o programa, tamén responsable da área de divulgación do parque eólico Sotavento.

Os últimos en sumarse foron os centros vilalbeses. As anpas do Mato Vizoso, do Insua Bermúdez e da Escola de Educación Infantil uniron forzas e, en xaneiro, inauguraron o programa, que nesta primeira experiencia non se desenvolve nos centros escolares, como é o habitual, senón na ludoteca Larilandia -de 7.00 a 9.30, con servizo de almorzo-, a onde van seis nenos, e no centro Minds -de 8.30 a 9.30, son só actividades, pero poden levar almorzo da casa-, con catro apuntados.

«A moitos pais pareceulles interesante e tentamos poñelo en marcha», explican dende a Anpa do Insua -foi da que partiu a idea e ata chegou facer unha enquisa entre as familias-, lembrando que falaron con Educación, que os derivou ao Concello, do que obtiveron un compromiso de axuda, encomendándolle a organización ás propias anpas.

Os pais do Virxe do Corpiño de Begonte e as anpas da EEI, do Mato Vizoso e do Insua Bermúdez comezaron este curso

Polo momento, só participan alumnos dos dous Ceip e a meirande parte do custo vai aos petos das familias, se ben o Concello paga o bus para levar os nenos das ludotecas ao colexios. A idea é que se faga nos propios centros, pero como resultaba difícil de coordinar e non se podían xuntar os nenos nun, este ano comezaron facéndoo nas ludotecas que aceptaron a proposta, ás que lles agradecen a súa predisposición.

Nas Pontes, o programa coñécese como Almorzos no Cole, aínda que a esencia é a mesma. Desenvólvese en dous colexios e conta cunha gran aceptación: na Magdalena dende hai nove anos, en horario de 8.00 a 10.00, e na Fraga dende hai sete, de 7.45 a 9.00 horas.

«Empezamos con ocho niños, el mínimo que exige el Concello, y hoy tenemos 25», explican dende a Anpa da Fraga, precisando que as arcas municipais corren con boa parte dos gastos, ao que se suman achegas dos pais. «Sen a axuda económica municipal sería imposible poder levar a cabo este servizo tan necesario para a conciliación», precisan dende a Anpa do Ceip A Magdalena.

En ambas experiencias concédeselle unha importancia máxima a que os almorzos sexan saudables. Na Fraga destacan que os nenos poden elixir que almorzar, sempre que sexa equilibrado, e na Magdalena contan cun nutricionista para elaborar as comidas.

Antes a xestión era directa, pero este ano por primeira vez derivouse na empresa Picariños, que ten varios monitores para atender os nenos durante o almorzo e nos xogos posteriores.

Comentarios