O Concello de Muras e a Casa do Mel de Goente alíanse na loita para erradicar a velutina

Promoveron unha charla e o reparto de medio cento de trampas
Charla organizada no salón de plenos do consistorio
photo_camera Charla organizada no salón de plenos do consistorio

O Concello de Muras e a Casa do Mel de Goente, nas Pontes, colaborarán na loita para erradicar a vespa velutina, a través dun proxecto piloto que xa se impulsa noutros concellos. O obxectivo é buscar colaboración para tratar de frear a expansión da vespa asiática e poñer fin aos problemas que ocasiona.

Isabel Goti e Manuel Ferreira, responsables da Casa do Mel, trasladáronse a Muras para informar aos apicultores da mellor forma de combatir esta especie invasora e repartiron medio cento de trampas, que se colocarán nas zonas nas que houbo máis avisos, como é o caso da parroquia de Silán.

«Se se fai un bo traballo arredor dos niños colocando trampas hai un éxito grande e un tanto por cen alto de vespas poden desaparecer», indicou Manuel, mentres Isabel apuntou á importancia da colaboración da xente. «Hai que empezar polos apicultores, que son os máis afectados. Pero animar a todos», resaltou, ao tempo que explicaron que a mellor data para colocar as trampas e agora, antes de que se formen niños.

As trampas, elaboradas de forma artesanal, levan un atraente comercial sufragado polo Concello, tal e como indicou a tenente de alcalde, Mario Rouco, que defendeu que «o Concello está apoiando o tema do mel de maneira moi importante e hai que axudar aos apicultores coa velutina».

Cada trampa vai numerada coas coordenadas e os lugares onde se sitúan e cada 15 días debe renovarse o atraente. A maiores repartiranse folletos informativos entre os veciños.

Comentarios