PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
Jonathan Demme Jonathan Demme
SUMILLER E RESPONSABLE DE VENDAS DA CONSULTORA VINO SACRA 
Votacion: 
No hay votos
0

Humberto Loureiro: "En caso de dúbida, o consumidor merca a botella de viño coa etiqueta máis bonita"

O acto dunha compra está condicionado moitas veces por factores que non atenden á razón. Estímulos, gustos, sensacións... O mundo do viño non é alleo a iso. Hai profesionais coma o deseñador e sumiller Humerto Loureiro que traballan para que a imaxe da botella invite a levala para a casa de contado

Humberto Loureiro, con varias botellas de viño. TOÑO PARGA

Humberto Loureiro, con varias botellas de viño. TOÑO PARGA

Humberto Loureiro, deseñador e sumiller da consultora Vino Sacra, leva anos vinculado ao mundo do viño, da súa venda e imaxe. Deu unha conferencia en Sober para animar o sector a revisar un aspecto que sempre estivo un pouco marxinado: a etiquetaxe.

Cando se empeza a etiquetar o viño?
A etiquetaxe do viño remóntase a miles de anos. Na Dinastía XVIII do Imperio Exipcio xa se marcaba o que había no interior das ánforas. Detallábanse o elaborador, a zona de produción e outros datos para ordenar o traballo nos almacéns de venda. As orixes da etiquetaxe moderna sitúanse na Alemaña dos séculos XVII e XVIII e a etiqueta de viño escrita a man máis antiga rexistrada foi a do monxe francés Pierre Perignon. Esta etiqueta era de pergamiño e estaba atada á botella cun anaco de corda.

Ata onde chega a importancia da etiqueta?
Nunha tenda, cando alguén dubida entre dous viños ou ten que escoller entre botellas das que non ten referencias, toma a decisión en base a se lle gusta a etiqueta. Despois, se non lle satisface o que hai no interior non repetirá a compra, pero neses momentos está comprobado que o aspecto exterior decanta a balanza.

Como son as etiquetas de Ribeira Sacra?
Estamos nunha época de cambio. Comezamos con elementos moi clásicos inspirados no que se facía na Rioxa ou no viñedo francés. Nas botellas aparecían as imaxes do viñedo, da adega... e nos últimos anos vemos un cambio sustancial, unha apertura e modernización.


"Nas etiquetas lévase o elaborado, os papeis complexos, a estampación metálica, o 'glitter', a impresión dixital de alta calidade..."

Imos por diante?
Non. Por diante vai Rías Baixas. Dentro das denominacións galegas sempre foi a máis revolucionaria e a máis innovadora nese aspecto. En Ribeira Sacra empezamos a ver cousiñas moi interesantes.


Co traballo que supón a viticultura na Ribeira Sacra, coa estrutura de adegas familiares que temos, tírase de amigos ou confiamos nos profesionais do deseño?
O certo é que ata o de agora pasaba máis ben o primero. Case todo o mundo ten un coñecido que lle pega ben ao deseño ou que ten una vea artista e íase trampeando así. Agora os adegueiros comezan a ver a importancia da etiqueta e algúns xa se poñen en contacto con creativos e estudos profesionais que traballan a imaxe de marca no seu conxunto.

Falaba antes de Rías Baixas. Algunha referencia máis?
Casa Rojo, que elabora en varias denominacións, ten unha imaxe moi potente e conta cun equipo de profesionais para iso moi completo. O estudo de deseño gráfico Moruba, que ten a súa sede na Rioxa, tamén fai cousas moi interesantes. Se falamos por zonas, en Cataluña, e en concreto no Priorat, tamén marcan liñas moi innovadoras. Nisto do deseño da imaxe dos viños somos máis innovadores en España ca en Francia.

Hai modas?
Si, coma na roupa ou en calquera outra cousa.

E que se leva?
Lévase o elaborado, traballar con calidades de papel, a estampación metálica, o chamado 'glitter', a impresión dixital, as cuatrimomías.

Nada de minimalismo?
O minimalismo xa tivo o seu momento. Segue aí, pero a tendencia agora é a recargar máis.

As liñas puras están 'out', logo.
Un pouco. Tamén depende moito dos viños. Nos barrica non se innova tanto, pero os viños novos permiten máis apostar polo que é tendencia. Cada ano tes unha colleita nova e tamén podes cambiar a etiqueta, adaptala ao que se leva.

O famoso 'restyling' dos coches?
Si, un pouco nesa liña. Hai adegas coma Décima que cada ano cambiaba a etiqueta. Sería algo coma iso, pero aplicado a toda a imaxe da marca.

Canto inflúe nas etiquetas onde e a quen lle imos vender?
Todo. Non podemos usar os mesmos deseños se temos un viño para xente nova ou para un consumidor de máis idade. Tamén hai que ter en conta, se imos exportar, as normativas de cada país.

Hai que ir coas modas de fóra?
Non tanto. Fóra gusta o noso porque para eles é exótico. Entón aí eu apostaría por manter as nosas características para diferenciarnos. Non se trata de mimetizarse.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.