'Sgt. Peppers Lonely Hearts Club Band'

Evasión e vitoria

Hai 50 anos, os Beatles quixeron facer un álbum co que descansar da súa fama. O resultado foi 'Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band', o disco que cambiou a maneira de concebir e presentar a música popular

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

4 DE XULLO do 1966, os Beatles chegaron a Manila para dar un dos seus concertos máis multitudinarios. Os organizadores do evento esperaban que 100.000 seguidores acudisen aos dous recitais —un pola tarde, outro pola noite— programados no estadio de fútbol José Rizal. O grupo británico aterrou en Filipinas con tratamento de realeza, pero co combustible na reserva. A estadía en Toquio fora asfixiante. Os Fab Four levantaran polémica ao actuar no Nippon Budokan, un recinto adicado ás artes marciais que nunca acollera unha sesión de pop, e tiveran que convivir cunha ríxida escolta. Cando Imelda Marcos, esposa do ditador Ferdinand Marcos e primeira dama filipina, invitou á formación a unha recepción, os músicos preferiron descansar no hotel. Non sabían con quen trataban. Marcos crispou o ambiente a través dos medios de comunicación e disolveu o dispositivo de seguridade que protexía ao conxunto. Ao final da actuación nocturna, centos de persoas esperaban aos artistas para increpalos; o traxecto ata a porta do avión que os levou á casa foi unha xincana. O 29 de agosto, en San Francisco, a banda tocou en vivo por última vez.

Os músicos estaban cansos da súa fama e decidiron aparcar os directos. Para cando se xuntaron de novo en Abbey Road, o 20 de decembro, os xornalistas agardaban ás portas do estudo. Os artistas comezaban a gravar un disco pero escoitaron máis preguntas sobre a súa retirada dos escenarios. "Como imos evolucionar se nos concertos ninguén pode escoitarnos?", inquiriu Paul McCartney. Sen viaxes no horizonte, o cuarteto británico tiña tempo para adicalo á súa seguinte entrega. A idea era facer un álbum conceptual, Liverpool Stories, con cancións sobre a infancia. John Lennon mostrou nas sesións Strawberry Fields Forever, unha peza chea de psicodelia, titulada a partir dun orfanato no que xogaba cando era neno. McCartney levou Penny Lane, un retrato do seu barrio natal. Mais a presión do mercado era brutal. Nun contexto de especulacións sobre o futuro da formación, cinco meses sen novidades eran unha eternidade. O representante do conxunto, Brian Epstein, conseguiu que saíse un single en febreiro do 1967 a costa de usar os dous temas que lle daban fío ao novo capítulo da discografía dos "escaravellos".

Os Beatles partiron entón doutro concepto, a iniciativa de McCartney: crear unha banda ficticia que fose o álter ego do grupo. Os músicos estaban fartos de representar un papel de estrelas para todos os públicos, sentíanse atrapados naqueles uniformes a xogo. "Eramos homes, non nenos", protestou o baixista. Liberados —ata certo punto— da marca que os fixera célebres, estimulados polas drogas e polos últimos discos de Beach Boys, Byrds ou Frank Zappa, tomaron a gravación cun espírito lúdico. O produtor George Martin, responsable tantas veces de elevar o nivel da formación, compartía o afán experimental. O arranxista, de educación clásica, ficou marabillado coas posibilidades que ofrecía a tecnoloxía. "É sorprendente o que podes facer cun son enlatado en cinta; aumentar a súa velocidade ou ralentizala, comprimilo, ecualizalo, distorsionalo...", explicou. O resultado foi Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band (A Banda de Corazóns Solitarios do Sarxento Pementa), que cumpre cinco décadas, o LP máis lendario da música pop.

O álbum foi unha superprodución; necesitou de 700 horas de traballo (129 días) e custou 25.000 libras. Participaron 60 intérpretes. Pero os músicos pasárono pipa. O 10 de febreiro do 1967, os Beatles montaron unha festa cunhas 40 persoas en Abbey Road. Invitaron, entre outros, aos Rolling Stones e os Monkees. Daquela noite de excesos ficaron 30 segundos de música que usarían na peza A Day In The Life, que pecha o repertorio. Os artistas querían romper barreiras e xogaban co que atopaban. Unha tarde riron coa avaricia de Emi. O papel de váter que había no lavabo do estudo estaba marcado como "propiedade" da discográfica. Con peites a modo de baquetas, os mozos bateron nos rolos de hixiénico e inventaron un instrumento de percusión que pode ouvirse en Lovely Rita. Na última canción do LP incluíron un asubío nunha frecuencia só perceptible para os cans, para trollear aos ouvintes con mascotas.

Pero se Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band está considerado un fito do pop non é polas extravagancias dos protagonistas. O primeiro gancho para o público sobresaía a simple vista: a rompedora portada, nunha época na que as cubertas eran un mero envoltorio, escapaba da inercia das fotografías de grupo. Os Beatles confiaran para o soberbio Revolver (1966) no artista gráfico alemán Klaus Voormann, mais desta volta subiron a aposta; contaron con Peter Blake, un pintor británico de renome, algo inopinado para unha banda de rock. A idea de realizar un collage con persoeiros mostra a ambición artística do cuarteto. Para completar a empresa, o persoal de Emi tivo que facer horas extras; había que chamar a unha morea de celebridades para obter os permisos pertinentes. Marlon Brando ou Fred Astaire aceptaron encantados, mentres que Mae West respondeu con ironía: "Que pinto eu nunha Banda de Corazóns Solitarios?". A multinacional tamén exerceu a censura; vetou a Xesús, Hitler e Gandhi para evitar leas con católicos, xudeos e hindús. A selección permite comprobar as aspiracións dos músicos, que pretendían reivindicarse como heredeiros dunha tradición cultural: hai 18 actores e 15 escritores, están Marx, Freud ou Einstein, por só dous compañeiros da música popular, Bob Dylan e Dion DiMucci. Á fronte, os Fab Four cunha estrafalaria vestimenta militar.

Con peites a modo de baquetas, os Beatles bateron nos rolos de papel hixiénico

Capitol Records, selo dependente de Emi, soubo vender o produto: o álbum rachaba, segundo a nota de prensa, "cos clichés líricos do Tin Pan Alley", que dominara a música popular anglosaxona nos séculos XIX e XX. O impacto foi enorme; en tres semanas vendéronse un millón de copias. A admiración da crítica foi case unánime: alí había maxia. O Sarxento Pementa contiña texturas sonoras, escenas máis que cancións. Na súa reseña para The New Yorker, Lilian Ross definiu o abraio: "este disco é unha cantata". Outros falaron de "novela" ou "dun momento decisivo na cultura occidental". Pero Richard Goldstein, do New York Times, cría que a nova entrega dos Beatles eran "fradulentos efectos especiais". Goldstein recibiu un aluvión de respostas de fans indignados, dicíndolle, entre outras cousas, que ía vello para entender.

Moitos dos defensores do disco —entre eles Rolling Stone, que o elixiu no 2003 como o mellor da historia do rock— aseguran que é a súa capacidade para "atrapar o espírito da súa época" o que fai de Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band unha obra única. En pleno auxe da cultura hippie, boa parte dos temas son denuncias da alienación (Lucy In The Sky With Diamonds, Getting Better, Fixing A Hole, Within Without You). Pero malia ser a banda sonora do Verán do Amor, tamén hai conservadorismo. En She’s Leaving Home, McCartney conta a historia dunha rapaza que marcha da casa. Faino desde dous puntos de vista, o da moza e o dos pais, aínda que acaba por centrarse no último enfoque. Un pregúntase como interpretarían a peza os rapaces que voaban do niño cara a San Francisco, o centro da contracultura. As cancións, agás o peche orquestal de A Day In The Life, non son excepcionais. O repertorio carece da brillantez acadada en Revolver ou da efervescencia do popurrí final de Abbey Road (1970), dous trens dos que non queres baixar.

Pode que por esa razón Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band non conecte co ouvinte do presente coma outros discos da banda. O seu valor reside en que abriu unha época de promesas na que todo semellaba posible na música popular; incluír arte na portada, exprimir a tecnoloxía, dotar ao conxunto dunha unidade temática. Os límites do álbum como produto cultural saltaron polos aires. Hoxe, cando se venden máis LPs en formato dixital ca físico, pode parecer unha conquista menor. Pero á procura da liberación persoal, os Beatles rebentaron as barreiras do pop.

Comentarios