PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
Neymar Jr. Neymar
►MARTA VEIGA 
Votacion: 
5 (5 votos)
Cultura 0

Sjón: "Tras descubrir a Bowie, a poesía foi o máis guai"

Poeta, narrador, escritor de libretos de ópera e de teatro, guionista de televisión e letrista de Sugarcubes, Sigurjón Birgir Sigurðsson, coñecido co heterónimo de Sjón, é o máis traducido dos autores islandeses actuais. Está a piques de publicar novela en galego con Rinoceronte e estes días participou nos certames Pontepoética de Pontevedra e Poetas D(in)versos da Coruña

Sjón. RAFA FARIÑA

Sjón. RAFA FARIÑA

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SJÓN TEN unhas horas de lecer na Coruña e pregunta canto se prolongará a entrevista porque vén de saber a historia da torre de Hércules e desexa pasear ata alí na procura do xigante Xerión, de quen a lenda di que está soterrado aos pés do faro.

Lin que empezou vostede aos quince anos, cando investiu o soldo de xardiñeiro para editar poemas e logo vendelos no autobús e na rúa.
Así foi. Como moitos rapaces islandeses dese tempo eu tiña un emprego de verán, nos xardíns do Hospital Nacional. Ese mesmo ano fora trabado polo becho da poesía cando lin os modernistas islandeses. Antes de decatarme tiña escrito un libro completo. Autopubliqueino e vendino de todos os xeitos dos que fun capaz, mesmo sentándome a carón de descoñecidos no autobús. Quedaban pillados comigo e moitos rendíanse e mercaban un libro. 

Non ve aí un bo comezo para unha novela?
Vaia, cando menos podería ser o comezo da miña autobiografía! Na que, por suposto, escribirei sen moita consideración pola verdade. Isto é certo, iso si.

Quizais en Islandia é máis fácil facer algo así. Aquí, se senta a carón dalguén e lle di que é vostede poeta e que quere venderlle un libro quizais pense que quere roubarlle ou estafalo.
Era moi novo e tiña unha cara anxelical. Pero en certo sentido podería decirse que estaba a roubarlles. Aínda así, se é que conservan as copias que os obliguei a comprar poderían vendelas por prezos ben altos na actualidade. 

Teño a idea —tal vez errada— de que a poesía é o xénero máis elevado para os autores islandeses. Despréndese logo de ler Xente independente, do premio Nobel Haldór Laxness, e escoiteillo tamén a Auður Ava Ólafsdóttir. Concorda?
Si, en Islandia a poesía é vista como o pináculo dos méritos literarios. Un importante número de escritores islandeses comezan como poetas antes de se converter en novelistas. Algúns de nós facemos ambas as cousas, pero temos o meirande dos respectos cara a aqueles que só escriben poemas, devagar, como se fixesen ouro, e publican só uns poucos libros de tanto en cando. E debe ser así. Creo que a poesía é o máis difícil de todos os pensamentos humanos . 

"Os poetas son os máis guais dos autores porque non miran do tempo nin dos cartos"


Esta consideración cara a poesía resulta moi infrecuente nas sociedades postindustriais.
O que me emocionaba da poesía modernista eran as imaxes surreais e a potencia dos elementos extraños. Era a cousa máis guai que vira logo de descubrir a David Bowie. Por algunha razón eu tiña a idea de que a poesía era o que máis molaba. Os poetas son os máis guais dos autores porque non miran do tempo nin dos cartos. Só os mixiricas se preocupan do tempo e dos cartos. Os poetas malean o tempo. E negan calquera cousa que o diñeiro pode comprar.

Non estou moi segura que os poetas sexan considerados os máis molóns en Galicia ou España. Alomenos para os grandes públicos, refírome.
Seguro que si tal. Eu só coñecín poetas molóns no tempo que levo aquí.

Que voz atopa máis forte, a do poeta, a do narrador, a do autor teatral?
Son máis feliz cando son quen de escribir un poema. Ocorre unha vez de moi en cando e sempre me pilla por sorpresa. É un aquí e outro alí. Como agasallos da mente. Pero nos últimos 15 anos teño traballado o máis do tempo nas miñas novelas. O que me gusta de escribilas é a construción do mundo, a descuberta dunha linguaxe apropiada para cada un dos personaxes, a investigación histórica, o traballo na estrutura e contar a historia. Así que teño que admitir que a narrativa ten un pulo máis forte, pero os poemas gardan máis verdade. 

Pode ser poeta e narrador a un tempo?
Podo usar destrezas de poeta para facer as novelas máis dinámicas cando as penso e escribo. 

Islandia entregoulle ao mundo os primeiros relatos narrativos en prosa, as sagas. Séntense en débeda con esa bagaxe ancestral?
Todos construímos sobre as sagas. Mesmo cando renegas delas, estás a tomar unha posición contra elas e seguidamente a recoñecelas como a gran cousa que son. Deste xeito, cada un de nós escolle que toma delas. Para min son importantes en tanto en canto capaces de amosarme canto de realista pode ter un texto que inclúe soños, visións e gran poesía que vencella os mundos de deuses e homes. 

"A lingua só sobrevive se a usamos nas nosas vidas diarias. Mesmo as maiores conquistas literarias están feitas do mesmo material que a lista da compra"


Precisamente tiña unha pregunta nesa liña. Os narradores islandeses, mesmo os autores de novela negra, adoitan explorar o folclore, os contos marabillosos e os seus mitos e semellan orgullosos deles. Sería ese o factor islandés?
Si. Moitas das nosas tradición e cultura locais están marcadas por eses elementos e resulta natural empregalos cando escribes. Coido que a maioría dos autores islandeses non lle dan máis voltas. Ao tempo, eses autores están a empregar as ferramentas da literatura contemporánea. O conxunto fai boas novelas, pero si é especificamente islandés ou non, non podería dicilo. Hai uns anos lin unha novela do voso Manuel Rivas na que el facía cousas no texto e na estrutura que a min me reinan moi fortemente. O libro chámase ‘In the Wilderness’ en inglés. Creo que se titula ‘En salvaxe compaña’ en galego. 

Un dos clásicos da literatura galega do século XX, Álvaro Cunqueiro, está considerado un precursor do realismo máxico, coa introdución de Merlín, Xenebra ou Sinbad como personaxes...
Pois teño que mirar del. É posible esta característica en literaturas coma as nosas. E na miña opinión —e esta é unha actitude moi islandesa— as literaturas dos denominados centros culturais deberían envidiarnos por iso. Os personaxes míticos nunca marchan, son eternos e sempre andan arredor! 

Nunhas semanas teremos nos andeis a novela O rapaz que nunca existiu, na que nos presenta un mozo gai de 16 anos durante a epidemia de gripe de 1918. Que atopará o lector galego?
É unha novela que achega algúns dos días máis dramáticos da historia de Islandia. Poderán ver como un pequeño país é afectado por forzas que non pode controlar: unha erupción volcánica, unha guerra mundial, unha epidemia e a nova arte do cine. Poden atopar un personaxe marxinado que vén de descubrir no cinema un medio para sobrevivir en circunstancias difíciles. 

Escolleu un adolescente como protagonista para restarlle escuridade?
Non, escollino porque necesitaba un personaxe que puidese levarnos a través deses días sen involucrarse demasiado no drama. A beleza dos adolescentes está en que só se preocupan das súas cousas. Non pensan na situación xeopolítica e poden ser marabillosamente fríos ante a dor doutros. O meu personaxe, Máni Steinn, é marica, disléxico e orfo. Empuxeino ata a marxe da sociedade para obter unha boa vista desde fóra dos acontecementos históricos. 

Que pensa de Elías Portela como tradutor?
Estou encantado de que os meus libros se publiquen en galego. Gústame a idea de ter unha conversa literaria a través da vosa lingua, cos lectores e con outros autores. A editora Rinoceronte ten unha listaxe de libros impresionante e estou orgulloso de compartir selo con Bohumil Hrabal, Agota Kristof ou J.M. Coetzee. Teño boa relación con todos os meus tradutores. Con Elías é especial, xa que vivimos na mesma cidade e temos a opción de sentar e desbrozar as pasaxes máis escuras do libro. A literatura islandesa é moi afortunada de ter a Elías.

O islandés é unha das linguas escandinavas con menos falantes e o inglés é cada vez máis unha lingua franca na área. Está preocupado?
A lingua só sobrevive se a usamos nas nosas vidas diarias. Mesmo as maiores conquistas literarias están feitas do mesmo material que a lista da compra. Temos moitas razóns para estar preocupados polo futuro da lingua, pero un bo número de poetas mozos están a emerxer estes anos e penso que hai esperanza.

Unha derradeira pregunta: é Björk tan riquiña e xenial como semella?
Si. Björk é a máis riquiña das xenios de entre todos os xenios riquiños.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.