de actualidad
Iker Casillas Iker Casillas
► JAVIER NOGUEIRA 
Votacion: 
No hay votos
0

A invención da gravidade

O período que vai dende o descubrimento de América ata os achádegos de sir Isaac Newton probabelmente sexa o máis apaixonante da historia do coñecemento humano

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

AGORA QUE se está a facer mainstream, comeza a se construír unha comunidade arredor do programa radiofónico La vida moderna. Unha das miñas bromas favoritas é a que leva a Ignatius Farray a "confundir" o concepto de invención, aplicándoo o mesmo a Colón en América que a Newton coa gravidade. A broma —que fóra de contexto non lles parecerá graciosa pero con Quequé e Broncano si o é— roldoume toda esta semana namentres lía La invención de la ciencia de David Wooton, unha sobre a revolución científica que certa megalibraría virtual levaba meses recomendándome no seu orixinal inglés e chegou agora ás miñas mans na tradución española, coma case sempre cando se trata de grandes ensaios editada por Crítica.

O período que vai dende o descubrimento de América ata os achádegos de sir Isaac Newton probabelmente sexa o máis apaixonante da historia do coñecemento humano —á espera do que suceda coa revolución da informática—. Pero nesta época de posverdade —xa estamos coa palabriña— todo se cuestiona e a obra de Wooton ten que pasar máis páxinas das necesarias xustificando o obvio: que existiu unha revolución científica e que se produciu un xiro copernicano na ciencia e nas mentalidades.

Rebatidos os argumentos dos antirrevolucionarios, ponse o autor cos comezos da verdadeira ciencia: os usos matemáticos da cartografía, a nova de Tycho Brahe, a neve de Kepler, os telescopios de Galileo Galilei, os experimentos barométricos de Torricelli e Pascal... Noutros moitos libros se poden atopar estas explicacions, pero este ofrece unha narración entretida e clara sen renunciar aos problemas máis complexos e a conceptos cos que pode resultar difícil loitar se non se ten unha comprensión ulterior das cuestións.

A característica máis destacada da obra non é isto porén senón a construción dun esquelete para a historia a base dos conceptos básicos creados nesa época: feito, experimento, lei, hipótese, teoría, evidencia, xuízo ou máquina... Estas nocións utilizámolas todos no noso día a día, en moitas ocasións sen rematar de ser conscientes do seu verdadeiro sentido, que Wootton aclara con precisión ferminiana. Dito isto, moitas explicacións sobre estes termos resultan superfluas para o lector español ao facer referencia a debates lingüísticos da lingua inglesa. Só neses parágrafos pode o lector pasar páxinas sen perder información demasiado relevante.

A todo isto hai que engadir o papel de notas e ilustracións. Sempre me gusta ter as notas ao pé pero nesta ocasión quizais debería terse feito unha excepción para evitar confusións entre asteriscos, cruces, dobres cruces, notas numéricas, notas do autor e do tradutor. O asunto teríase simplificado para o lector levando o corpo de notas —eruditas e interesantes, dende logo— ao final por completo e deixando ao pé só as notas do tradutor. En canto ás ilustracións, recollen gravados, debuxos e outro material da época. Ao contrario do que ocorre adoito, convén non saltalas porque serven de apoio a explicacións normalmente complexas.

Por arte de maxia (ou alquimia) podo reunir nesta conclusión dous dos grandes males da posmodernidade. O primeiro, os xa famosos límites do humor. Poderíame facer o ofendido intelectual polas terríbeis bromas de Ignatius Farray sobre a invención de América ou da gravidade, pero a realidade é que os científicos —aínda os afeccionados, coma min— temos sentido do humor e encaixamos mellor cós xerifaltes voadores. O segundo, as carencias en coñecemento científico e, sobre todo, en historia da ciencia. Chegados a este punto, ao mellor deberiamos repartir a millóns exemplares da obra de Wootton e, sobre todo, non converter en multimillonario a quen non a entenda.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.