Como que ler teatro?

No mesmo mundo do deporte no que se xogan os imaxinarios colectivos dun país púxose de moda hai anos a utilización do verbo ler como a capacidade de entender as circunstancias dun partido

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

LER PÚXOSE de moda porque se podían ler partidos, ler xogadas, ler tácticas políticas, ler estratexias comerciais, ler carreiras literarias. O que non se podía, entón nin agora, é ler teatro.

Sobre o teatro en papel caeu a maldición da outra posibilidade. Esa mesma vía excluínte que só se dá como certa no territorio dos prexuízos vestidos como costumes. O vídeo non matou á estrela da radio e mesmo nesa carreira contra todos os tempos case poderíamos dicir que a estrela da radio resiste bastante mellor que a dos vídeos, con excepción feita de que o vídeo estea protagonizado por un presentador nostálxico de non ter cargo nun partido e á nostalxia dun expresidente que considera que abandonou o poder demasiado cedo.

O vídeo non matou a radio como internet non matou a televisión neste sistema no que, finalmente, todo se retroalimenta. A radio segue aquí e o teatro representado non tería que excluír a lectura de teatro. Pero andamos sempre armados con ese poderío perverso das palabras, coa metralla das frases feitas. Unha desa sentenzas inútiles: o teatro non é para ler. Dito así, sen os matices das intencións, sen que o cerebro tome parte na conversa, aplicando esa violencia dos xéneros que coloca a cada cal no lugar que en teoría lle corresponde. E xa non hai alteración posible. Nin intermedios, nin negociacións. Nin sequera esa idea de que todas esas cousas que se poden facer a maiores son ganancia. Temos unha idea economicista da cultura: para que gastar en ler teatro se o teatro é para ir. Sen embargo, teño outra idea igualmente economicista: alguén que ten billetes de 100 euros non despreza os de 50.

Pero o teatro ten mala prensa á hora de ser lido como se esas letras que forman frases fosen minusválidas para contar historias e no pagase a pena o esforzo. Que se unha novela ten versión cinematográfica para que vas gastar 20 euros nun libro? E non se entende moi ben este desprezo do xénero porque queda a idea de que os dramaturgos escriben para os directores ou para os actores sen posibilidade de ter versión orixinal. Sen o dereito a escoller as palabras ou como se esas fosen irrelevantes por intercambio.

Aínda máis, queda a idea molesta no literario, de que a descrición é narrativamente máis interesante que o diálogo. De que o teatro está sometido a unha disciplina que lle resta capacidade de comunicación diante dun lector. Como se todo non fose a mesma construción de palabras por métodos de acumulación diferente.

Pero o teatro é para ler. Como o fútbol. Hai que lelo no escenario e habería que lelo antes. Porque incluso tendo en conta a perversión das frases feitas ou precisamente por elas, ler teatro é a mellor maneira de aprender a ler nese rollo tan de todos os días que é a vida.

Comentarios