PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
foto Jeremy Meeks
Cidade Xardín 
Votacion: 
No hay votos
0

Buscade un piso atlántico para Claudio

Soamente un dos 63 nominados na Gala do Libro Galego reside na provincia de Lugo ► Un escándalo que deberíamos evitar

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

BOA PARTE da miña cultura musical procede dunha juke box de bar dos anos 70. A máquina de discos ocupaba lugar solemne no bar Pascasio, de Foz. Estaba entre mesas de billar e de pimpón, entre os futbolíns e os adolescentes que nacían e morrían na miña vida cada verán. O aparello contiña unha selección duns cincuenta singles: unha banalidade de Julio Iglesias, a voz trascendente de Nino Bravo e a reprogramación do nacionalismo que intentou Cecilia cantando "España, camisa blanca de mi esperanza". Sabía deles pola televisión, pero non sabía dos T Rex. Despois de coñecelos gastaba toda as moedas que caían na miña carteira en poñer o seu Get it on. Había alguén que picaba Satisfaction, dos Rolling, e Rock and Roll, de Led Zeppelin. Este sábado non deixei de preguntarme quen sería o benaventurado que meteu aqueles discos marabillosos nun local perdido nun verán dunha vila calquera da provincia lucense.

Daquela, as fontes de cultura eran escasas e limitadas. Máis que unha fonte de cultura, a máquina de discos do Pascasio era un milagre. Compartía esa juke box con moitos outros rapaces. Para o caso que me ocupa citarei a Luisa Castro, e a un rapaz alto e misterioso, con mirada de Salinger. Empuxaba eternamente unha cadeira de rodas na que montaba o seu curmán. Admiraba aquel sacrificio.
Estou lendo El Domingo de las Madres (Anagrama), de Graham Swift. Levo unha quincena sopesando se rematalo. Swift é desigual. Capaz de alardes técnicos e de contar banalidades como as letras de Julio Iglesias. O Domingo das Nais é o día no que as criadas das mansións británicas volvían á casa para visitar á familia. A novela está ambientada nunha casa grande de Inglaterra, en 1924. Unha serventa, sen familia á que volver, e o señorito, a piques de precipitarse nun aburrido matrimonio de clase, aproveitan o folgar para deitárense xuntos.

Meter dous personaxes nunha cama e dedicar ducias de páxinas a contalo é un despropósito. O sexo é unha diversión, ou, na peor das súas variedades, un xeito de garantir a continuidade da especie; pero nunca material narrativo. Un escritor debe suxerir unha relación e fundir a negro a escena antes de cagala. Que alguén llo explique a Graham Swift, por favor.

A personaxe da criada gaña dimensión porque soña con ser escritora. Quita da biblioteca do seu señor "historias de aventuras, libros para chicos". Con esa base de lecturas, recrea en soños un futuro de escritora, un futuro no que os periodistas rivalizan por entrevistala.
A fantasía permítelle esquecer que o seu oficio é un obstáculo para ser recoñecida. Ese é o mesmo problema que teñen os autores que viven nas provincias de Lugo e Ourense. Non son conscientes de que as letras en cursiva están reservadas para escritores pontevedreses ou coruñeses. Gustaríame convencelos de que desistisen da súa pretensión, pero os consellos inventáronse para ser ignorados. Con todo, vou ofrecerlles un dato: entre as 63 candidaturas escollidas para as 11 categorías da gala do Libro Galego hai unicamente 1 residente na provincia de Lugo, Claudio Rodríguez Fer.

Non botei as contas de Ourense, pero supoño que nesa provincia haberá narradores, tradutores, ilustradores, blogueiros e promotores de iniciativas culturais que sexan tan ilusos como para pensar que chega co talento e o esforzo para ser valorado. Mesmo Claudio, a quen quero ben e teño por veciño de rúa, pode estar nesa idea tola. El parece contento de vivir en Lugo, con esa satisfacción insconcente de ignorar que o seu traslado de residencia a unha localidade atlántica sería poderosamente beneficioso para a súa carreira.

Naqueles veráns de Pascasio trataba a Luisa Castro, que xa daquela se disciplinaba unhas horas cada día para ser escritora. E triunfou. Non cheguei a coñecer a Francisco Casavella, que empuxaba unha cadeira de rodas coa paciencia e a precisión dun escribano exipcio. Trinta anos máis tarde, cando gañou un premio brillante, falamos da muller de Pascasio. Elvira vestía de cadaleito e tiña un reloxo exacto no cerebro, que usaba para coartarnos os excesos de tempo no aluguer do pimpón.

Anagrama vén de republicar dúas novelas de Casavella: El triunfo (1990) e Un enano español se suicida en Las Vegas (1997). Son divertidas e amargas, como o rapaz barcelonés que volvía cada verán ao Mondoñedo do seu pai. Imaxino que, chegado dunha gran cidade tanxente con Europa, lle faría graza ver as nosas caras iluminadas polas luces da juke box ao seleccionar a Marc Bolan cantando "imos conseguilo" á fronte dos T Rex en Get It On.

Eu, daquela, non pretendía ser escritor. Pretendía ser Marc Bolan, deixarme melena, pintarme a raia do ollos e inventarme un xénero musico-teatral como o glam rock; pero carezo do seu oído e da súa talento teatral. Tampouco agora pretendo ser escritor. A vida taponoume a carreira como músico e, non contenta con esa crueldade, dotoume dunha torpeza insuperable para a pintura e dunha nula paciencia de cineasta. "Lo único importante, qué fácil es decirlo, es no resignarse", aconsellaba Francisco Casavella.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.