«Presido a asociación veciñal de Gueimonde, a de mulleres rurais e estou en Acapa Show»

«Quero contribuír a difundir a percepción de que vivir no rural é un orgullo, unha elección»

Pastoricense, licenciada en Matemáticas, vinculada laboralmente ao sector agrario e moi activa a nivel social, Fe Legaspi Valiña engade unha faceta máis na súa vida ao ser nomeada presidenta do GDR chairego durante o novo Plan Leader. Afronta o seu novo cargo motivada e con ganas de animar a xente a aproveitar o potencial da Terra Chá para que esta prospere.
Fe Legaspi
photo_camera Fe Legaspi

Defínese como «ruralista» e está convencida do potencial que ten a comarca chairega se se aproveitan as súas vantaxes, unha idea que Fe Legaspi quere transmitir desde o seu novo cargo.

Como recibiu a proposta de facerse cargo da presidencia do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá (GDR-2)?

Unha vez elixidos os representantes das mesas sectoriais, un total de 21, tan só estabamos presentes dúas mulleres e o resto de compañeiros da xunta directiva quixeron darme a oportunidade de presidila.

Como afronta esta nova etapa?

Con motivación e con ganas de proporcionar ideas.

Que pode achegar a esta entidade?

Dinamismo, pola miña forma inquieta de ser. E creo que tamén podo contribuír á organización da entidade, pola miña mente matemática.

Cara a onde cre que ten que dirixirse o GDR chairego?

Creo que debemos animar a xente a arriscar á hora de emprender proxectos no rural e apoiarse nas nosas fortalezas e non mirar só as debilidades. Traballo e esforzo xa o temos, tan só falta crer en nós mesmos e dar un paso adiante á hora de levar á realidade o boceto. Os sectores agrogandeiro, o forestal e mesmo o turístico son algúns dos nosos fortes.

Cre que son necesarios os GDR?

Dende logo que si. Porque os GDR, ao ser unha entidade de ámbito local, ten un trato máis directo coa xente, ata se queres personalizado, algo que xera confianza e tranquilidade nos interesados. E esas cualidades, unha entidade máis xenérica e global non podería achegalas.

Que obxectivos lle gustaría cumprir durante o seu mandato?

O meu obxectivo nuclear vai ser sempre o mesmo: contribuír a difundir a percepción de que vivir no rural é un orgullo, unha elección . E desterrar a idea de que no campo quedamos a xente que non tivemos outra opción. Se conseguimos ir tomando conciencia progresivamente, os proxectos materiais xa virán rodados.

"Ao ser unha entidade de ámbito local, ten un trato máis directo coa xente, ata personalizado, algo que xera confianza"

Acaba de pecharse o prazo da primeira convocatoria de axudas do novo Plan Leader, coa presentación de 28 proxectos. Que valoración fai dos mesmos, tanto pola cantidade como pola temática das propostas presentadas?

Moi positiva. Tanto por cantidade como por variedade. Podemos anticipar que a temática pasa por proxectos relacionados coa atención a colectivos desfavorecidos, do sector agrario e do forestal, algún relacionado coa transformación alimentaria, relativos ao turismo, proxectos de eficiencia enerxética, recuperación de patrimonio propio da zona, etc .

Hai algún do que se poida adiantar algo máis?

Ao tratarse de axudas baixo o réxime de concorrencia competitiva, están pendentes de valoración e non se sabe con absoluta certeza que proxectos van saír adiante ata que se analicen e comparen as puntuacións obtidas por cada un.

Que valoración fai do anterior programa Leader?

Moi boa. Foi un programa que contou cun ambicioso orzamento. Posibilitouse a incorporación de maquinaria innovadora a moitas empresas e favoreceuse a creación doutras que a día de hoxe continúan medrando.

Natural da Pastoriza e traballadora nunha empresa relacionada co ámbito agrícola, coñece ben o mundo rural da Terra Chá. Como o definiría?

Unha ruralista coma min diría que para entender o que é o rural hai que nacer ou vivir nel. Que ten unha maxia especial, da que non podes escapar. Dino os médicos: a natureza é un alimento emocional de primeira orde para contrarrestar os efectos nocivos dos ambientes artificiais. Eu diría que ten un efecto sanador.

Cre que ten potencial?

Apoiándose nas súas vantaxes dende logo que si. Cada vez hai máis infraestruturas, máis servizos… e hai que seguir mellorando todo iso. E destacar a outra parte da balanza: a tranquilidade que ofrece, os valores sociais e familiares arraigados, que xa case volven a notarse en falta.

"Hai que saber diferenciarse, vender todo o bo que temos e dalo a coñecer"

Que carencias hai e cales son os seus puntos fortes?

Entre as súas debilidades, a dispersión xeográfica, as canles de comunicación, a pirámide demográfica… As fortalezas, gran desenvolvemento agrario e gandeiro, riqueza paisaxística, atractivo turístico, apreciables valores sociais e culturais.

Que accións considera que habería que levar a cabo para que a comarca, e concretamente o seu medio rural, que é o que predomina, prospere?

Creo que non se trata tanto de accións trascendentais, senón de saber diferenciarse, de saber vender todo o bo que temos e dalo a coñecer. Facer un aproveitamento sostible dos recursos naturais e potenciar a xeneración de riqueza e emprego nos distintos ámbitos: forestal, sector primario, ambiental, turismo rural, hostelería, asistencial, etc.

Comentarios