Eva Veiga e Isaac Xubín logran o premio da crítica en lingua galega

A Asociación Galega da Crítica foron os encargados de votar aos gañadores despois dunha reunión en marzo
Eva Veiga
photo_camera Eva Veiga

A Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) deu a coñecer este sábado o fallo dos Premios da Crítica Española 2016, nos que Eva Veiga e Isaac Xubín resultaron gañadores nas categorías de poesía e narrativa en lingua galega, respectivamente. A resolución das diferentes fases do galardón nas categorías de lingua galega foron a proposta da Asociación Galega da Crítica, que votou aos gañadores nunha reunión celebrada o 31 de marzo en Santiago, segundo informou a propia entidade nun comunicado.

Así as cousas, a obra Soño e Vértice de Eva Veiga resultou gañadora da categoría de poesía en lingua galega. Veiga, nacida en Pontedeume (A Coruña) en 1961, é licenciada en Filoloxía inglesa pola USC e forma parte do Grupo Ouriol. Estreouse como poeta en 1993 coa obra Fuxidíos, á que lle seguiu Paisaxes do baleiro (1999), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006) ou A frecha azul do teixo (2010).

Coas súas dúas últimas obras, A distancia do tambor (2014) e Silencio percutido (2015), Eva Veiga resultou gañadora do Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Premio de Poesía Cidade de Ourense, respectivamente.

Pola súa banda, o escritor Isaac Xubín (A Coruña, 1978) fíxose co Premio da Crítica 2016 na categoría de narrativa en galego grazas á súa obra Non hai outro camiño. Xubín é licenciado en Filoloxía galega e desenvolve a súa actividade profesional como investigador, profesor e tradutor de eúscaro. Ademais de obras narrativas, tamén publicou poemarios. Non hai outro camiño desenvólvese na cidade imaxinaria de Staro Selo, que acolle unha serie de personaxes pouco convencionais dentro dunha sociedade autoritaria e policial.

Comentarios