"Os músicos soen ser cosmopolitas e eu prefiro estar preto da casa"

O lugués Andrés Álvarez Toirán é elixido para tocar de solista coa Joven Sinfónica de Galicia
Andrés Álvarez Toirán
photo_camera Andrés Álvarez Toirán

O trompetista lugués Andrés Álvarez Toirán vén de ser seleccionado para tocar como solista coa Joven Orquesta Sinfónica de Galicia logo dunha probas que tiveron lugar esta semana entre os alumnos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña .

Álvarez Toirán, de 22 anos, é estudante de último curso do grao superior de música e conta con executar este mes de xullo o concerto de fin de carreira. Acudiu o pasado luns ás probas de selección -un concurso entre os alumnos- e a súa interpretación do ‘Concerto en Mi bemol’ de J. N. Hummel foi considerada por un xurado integrado por músicos da Sinfónica e profesores do conservatorio como a máis acaída de entre todas as que soaron durante a selección.

Aínda non sabe cando terán lugar os recitais que fará como solista coa Joven Orquesta Sinfónica de Galicia, pero supón que serán algún dos que se programe "de cara á vindeira tempada; por experiencias doutros anos supoño que será a mesma composición que toquei no concurso".

Andrés Álvarez Toirán explica que sempre hai unha certa tensión cando un músico se presenta a calquera proba, mais engade que, no seu caso, lle resulta de moita axuda a ampla experiencia que ten como músico malia a súa mocidade. "A procesión vai por dentro, pero a experiencia dáche outro temple", explica con humildade. Ese ‘temple’ axudouno tamén para quedar como primeiro finalista noutra proba de selección para tocar coa Banda Municipal da Coruña.

Este mozo xa ten actuado con anterioridade coa Joven Orquesta Sinfónica de Galicia e coa Sinfónica sénior, como solista da Joven Orquesta Sinfónica de Cantabria e coa orquestra Gaos, entre outras moitas formacións, e o ano foi elixido como primeiro trompeta para a banda sonora da película ‘Toro’, de Kike Maíllo.

Desde hai case que catro anos é músico do Exército por oposición, na actualidade destinado en Ferrol, no Tercio Norte, pero anteriormente no Exército do Aire en Madrid. O trompetista lugués considera "unha sorte" poder vivir da música cun traballo que pode compaxinar cos estudos superiores. "En Ferrol traballamos fundamentalmente de mañá e podo ir ás clases pola tarde".

Andrés Álvarez Toirán sabe "do difícil" que é gañar a vida como músico en España e ve comos os seus colegas optan por viaxar para continuar a súa formación e buscar unha oportunidade laboral. "A vida dos músicos adoita ser cosmpolita, pero a min gústame estar preto da casa", conclúe.

Comentarios